CCOO propon a candidatura de Acampa ao Primeiro Premio pola Paz, a Convivencia e os Dereitos Humanos da Deputación de A Coruña
PRESENTACIÓN DA INICIATIVA ACAMPA 2018, QUE TOMARÁ OS XARDÍNS DE MÉNDEZ NÚÑEZ O PRÓXIMO XOVES
Do 14 ao 16 de xuño, un campo de refuxiados simbólico volverá a ocupar o centro da Coruña para denunciar o drama das persoas obrigadas a desprazarse da súa terra ou abandonar o seu país
A Coruña, 6 de xuño de 2018.- Membros do comité organizador da Iniciativa “Acampa, pola paz e o dereito ao refuxio” deron a coñecer esta mañá o amplo programa da cita que volverá asentar, no centro da urbe, un campo de refuxiados co que denunciar o abandono no que se achan millóns de persoas refuxiadas en distintos puntos do planeta tras fuxir de guerras, fames, secas, persecucións ou discriminacións de toda índole.
O fotógrafo Xosé Abad, coordinador do proxecto, explicou que a proposta que se celebrará na Coruña a próxima semana, de xoves a sábado, busca convidar á cidadanía para coñecer unha realidade á que os gobernos silencian ou negan solucións, vulnerando ano tras ano un dereito internacionalmente recoñecido, o Dereito a Refuxio. E qué mellor forma de achegamento que a través das testemuñas desa situación (fotógrafos, Ong, expertos na materia…).
Nesta ocasión, o movemento Acampa pola paz e o dereito a refuxio quere chamar a atención sobre un tema moi grave e urxente e, non entanto, aínda non recoñecido por ningún Goberno: o dereito a refuxio por cambio climático. Informes de Nacións Unidas vaticinan que durante as próximas tres décadas as migracións por este motivo afectarán de 250 a 1.000 millóns de persoas. O 90 por cento deses movementos migratorios ocorrirá nos países menos desenvolvidos e dará lugar a novas e cada vez máis numerosas situacións de urxencia humanitaria.
Así mesmo, deuse a coñecer a recente candidatura que CCOO presentou para que Acampa sexa galardoada co Primeiro Premio Pola Paz, a Convivencia e os Dereitos Humanos da Deputación coruñesa. Tamén informouse da implicación da Universidade da Coruña, a través da facultade de Socioloxía, que durante os días en que se desenvolva Acampa, realizará un estudo no que testará a acollida das distintas actividades que conforman o seu programa e mesmo o impacto do seu contido nos visitantes. Unha información que sen dúbida servirá para axustar aínda máis se cabe futuras edicións desta iniciativa. A organización agradeceu o apoio do concello de A Coruña e de todas as organizacións, entidades e particulares que fan posible o proxecto.
A imaxe de Acampa 2018 é obra do ilustrador coruñés Carlos Gallego.
Un carné de actividades
Este ano, ademais, distribuirase entre os visitantes unha sorte de pasaporte que poderán selar nas distintas actividades polas que pasen, obtendo resposta a unha serie de curiosas preguntas nel impresas, preguntas como “¿é necesario un camión de bombeiros no deserto?, ¿canta auga contén un filete?…”
No encontro cos medios de comunicación, explicouse tamén como será o campo de refuxiados simbólico que se asentará nos Xardíns, un espazo que reproducirá, o máis fielmente posible, un deses asentamentos nos que conviven e organízanse miles de persoas refuxiadas á espera dunha resposta internacional que non chega.
O coordinador deste movemento pechou a quenda de intervencións sinalando que un ano despois da primeira cita, a mensaxe de Acampa é o mesmo: «a defensa dos dereitos humanos é cousa de todos; temos que ser solidarios, mesmo por egoísmo, porque defendendo os dereitos deses millóns de refuxiados estamos a defender os nosos». Así mesmo, e ante o recente cambio de goberno en España, Abad fixo un chamamento ao presidente para que faga honra aos 125 anos de nome do seu partido, Partido Socialista, e pediulle que presionen en Europa para que o problema encontre arranxo sobre o terreo, interviñéndose na orixe. E pediu, ademáis, que mentres non chega a solución, se recoñeza e respecte o Dereito de Asilo, e mesmo se amplíe a cota de refuxiados en Europa.
www.masstres.es/masstres@