O seu ruído atronador é tan insoportable que consome todo o osíxeno e afoga o espazo para a reflexión, para a construción colectiva
Observamos como X é a máis eficaz arma de guerra para enxalzar e facer gañar as eleccións á ultradereita, nun mundo sometido xa á súa rede. Somos testemuñas de como dispara discursos reaccionarios de consumo masivo e mata ao pensamento crítico, a empatía… Erramos como sociedade cando cremos que se abría un espazo de liberdade cando en realidade medraba unha área de opresión, manipulación e engraxaba a súa ferramenta ao servizo do ascenso do fascismo
A partir de agora, vémonos en @acampapolapaz.bsky.social
A Coruña, 5 de febreiro de 2025.- O movemento Acampa pola Paz que desde fai nove anos traballa na defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio acordou abandonar o seu perfil en X, convencidos de que as RRSS deben tecer, construír e non separar, sementar o odio, manipular nin perverter.
Acampa pola paz naceu precisamente para establecer unha rede que achregase colectivos, profesionais e iniciativas que traballasen a favor da defensa dos DDHH e o Dereito a Refuxio. As redes nas que está presente tiñan, precisamente, que fortalecer esa liña de traballo. “Pero xa non é posible. X é xusto o contrario. Non hai refuxio nela. Nin espazo no que construír. Nin no que sumar”, aseguran desde Acampa.
“Hai xa varios anos que alertamos sobre isto. Vimos o impacto manipulador das redes no primeiro Encontro Internacional no que falamos dos refuxiados de guerra. Tamén no segundo, cando diriximos o foco cara ao desastre climático que moitas voces nas redes minimizaban entón e seguen negando mesmo agora, cando nos golpea sen piedade. Sabemos da violencia en redes contra as mulleres, as persoas LGTBI+, os colectivos vulnerables… Vemos axigantarse o racismo”. Observamos, engaden, “como X é a máis eficaz arma de guerra para enxalzar e facer gañar as eleccións á ultradereita, nun mundo sometido xa á súa rede. Somos testemuñas de coma dispara discursos reaccionarios de consumo masivo e mata o pensamento crítico, a empatía… Erramos como sociedade cando cremos que se abría un espazo de liberdade cando en realidade medraba unha área de opresión, manipulación e engraxaba a súa ferramenta ao servizo do ascenso do fascismo”.
Por todo iso esta decisión. “É hora de fuxir desa lameira. De buscar outros espazos nos que o debate e a construción de propostas colectivas sas sexa posible. É tempo, pois, de pechar o noso perfil e poñer pé en parede fronte á manipulación masiva”, conclúen.
A partir de agora, vémonos en @acampapolapaz.bsky.social