• A deforestación da Amazonia. A escravitude que supón a extracción do coltán na República do Congo, o xade en Colombia ou o petróleo no delta do Níxer. O abandono do pobo saharauí esquilmado de todos os seus recursos. O dano, a enfermidade e a morte que o herbicida glifosato usado no agronegocio causan en Arxentina. O espolio do potencial industrial que nestes momentos están a padecer os traballadores de Alcoa en Galicia… son algunhas das vergoñosas paisaxes ás que Acampa Coruña abrirá hoxe unha xanela na Avenida da Mariña. Desde o 12 de novembro e ata o 14 de decembro, “Espolio”
  • Aprazado en xuño pola pandemia, o encontro chega en novembro en forma de exposición urbana da man de  fotoxornalistas que nos achegan o drama que causa o roubo dos recursos naturais en centos de comunidades

Con cinco meses de atraso pola aparición da COVID-19 pero coas mesmas ganas e obxectivos, e adaptando a súa proposta á nova normalidade, a rede Acampa  pola Paz e o  Dereito a  Refuxio celebra o seu cuarto encontro na Coruña cunha mirada reflexiva sobre o espolio. Desde o xoves, doce de novembro, e ata o 14 de decembro, a Avenida da Mariña será ocupada pola obra gráfica a gran formato dun bo número de  fotoxornalistas que documentaron o abuso sobre os recursos e os seus propietarios naturais en distintas partes do mundo. A realidade, tal e como destaca o coordinador da rede Acampa, Xosé Abad, é que “espolio é a palabra que mellor define o sistema económico que rexe o noso modo de vida”. A pandemia mundial é, ben seguro, o aviso máis certeiro de que debemos rectificar, engade, lembrando que só a conciencia e a determinación da cidadanía serán capaces de forzar o cambio necesario. En tanto iso ocorre, o espolio xera millóns de desprazamentos forzosos, polo que a Rede Acampa levanta a súa voz para defender o Dereito a Refuxio por Espolio.

A oscense Judith  Prat enfrontaranos á un dos casos de escravitude do século  XXI, a extracción mineira do  coltán na República Democrática do  Congo. As apreciadas terras raras, vitais para a produción tecnolóxica de uso masivo nos países desenvolvidos, converteron ao país nun escenario de guerra e morte. A súa riqueza, lonxe de reportar beneficios aos seus habitantes, decima aldeas e sementa de asasinatos cruentos a súa xeografía e a súa memoria.

O arxentino Pablo Ernesto  Piovano préstanos a súa mirada sobre o dano xerado polo  agronegocio nas comunidades arxentinas que habitan na contorna destas explotacións, documentando a enfermidade, o sufrimento e a morte que causou o uso do herbicida tóxico glifosato durante as últimas décadas.

O  fotoperiodista nixeriano  Akintunde  Akinleye, que leva máis dunha década documentando a explotación dos recursos no seu país, convídanos a reflexionar sobre como as grandes petroleiras estadounidenses extraen o ouro negro das súas terras ancestrais, no delta do Níxer, un negocio de millóns de dólares do que só se benefician sociedades estranxeiras e as elites locais mentres as comunidades que habitan esa contorna sobreviven cada vez máis empobrecidas e nunha paisaxe cada día máis  devastada.

A realidade da  Amazonia e o espolio en todo Brasil chega da man do fotógrafo documental Víctor  Moriyama, Clara Belchior e dunha mostra colectiva organizada polo  CIMI (Conselho  Indigenista  Missionário).  Moriyama repasa o tráxico 2019 neses territorios. Os grupos que operan a tala e a minería ilegais, ou a produción de soia e a gandería intensivas crecéronse desde que  Bolsonaro está no poder. Os conflitos agrarios e as mortes de activistas ambientais e indíxenas hanse  exacerbado. O pasado ano detectáronse máis de 80.000 puntos de incendio na  Amazonía brasileira, provocando unha crise climática mundial. A chegada do virus COVID-19 supón, ademais, unha arma de guerra do poder económico contra as comunidades indíxenas defensoras do seu territorio, máis vulnerables que calquera outro colectivo. Clara Belchior e a mostra colectiva do  CIMI (con fotografías de Guilherme Cavalli, Tiago Miotto e Christian Braga) enfróntannos á loita indíxena e mostra a dignidade e fortaleza desas comunidades mobilizándose en defensa da terra que habitan e que interpretan non como propiedade senón como legado.

Javier Corso trae ata a Dársena coruñesa a dura realidade das explotacións mineiras de xade en Colombia, achegándonos á mina de  Muzo, capital mundial da  esmeralda. E Luis de Vega fainos viaxar ata a durísima realidade actual da última colonia española, o esquecido pobo saharauí, esquilmado en todos os seus recursos (fosfatos, area, pesca, hidrocarburos…) por Rabat e abandonados por España, a Unión Europea e a ONU a súa sorte.

O espolio de Alcoa e o roubo da auga “marca España” que sofre Guatemala

O espolio non é algo que só se produza en países pobres ou afastados. Acampa  pola Paz e o  Dereito a  Refuxio quere tamén reflexionar sobre o que está a ocorrer moi preto de nós. A avaricia das multinacionais, a perversión do sistema capitalista, está a esquilmar o potencial industrial da comunidade galega. As plantas de Alcoa, tanto na Coruña como na Mariña luguesa, están tocadas de morte. E por causas de todo alleas á súa produtividade ou á calidade do seu produto. A loita dos seus traballadores estes últimos anos chega á Mariña da man das fotógrafas V.  Casteleiro e Sandra García Rey.

Destacar que Espolio, esta exposición urbana de gran formato, poderá tamén visitarse de maneira virtual a través da web de Acampa www.redeacampa.org ou da plataforma www.peopleartfactory.com

O programa desta cuarta edición de Acampa  pola Paz e o  Dereito a  Refuxio tamén inclúe un encontro en liña organizado en colaboración coa  OCV (Oficina de Cooperación e Voluntariado) da  Universidade da Coruña e a oenegué Ecos  do Sur. A charla, que terá lugar o 26 de novembro ás 19.30 horas (hora de Galicia)  e 12.30 horas (hora guatemalteca)  contará coa participación do avogado e notario de Guatemala Juan Carlos  Peláez  Villalobos e o responsable de Incidencia Política e Campañas na  CONGDE e coordinador da campaña “Pobreza Cero” Pablo Martínez  Osés. A charla estará moderada polo escritor e músico  Xurxo Souto. A realidade de Guatemala, coas comunidades indíxenas perseguidas na súa defensa do territorio fronte ao espolio ten moito que ver co noso país. Non en balde, son varias empresas “marca España” as que desecaron os seus ríos coa construción de minicentrais hidroeléctricas, deixando a estes pobos sen hábitat e sen recursos de supervivencia.

Acampa  pola paz e o  dereito a  Refuxio, rede nada na Coruña en 2016, con ramificacións xa en Madrid, Brasil e xestándose en Portugal, é un movemento sen fins de lucro cuxo obxectivo é defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte máis de sesenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, oenegués e organización de defensa dos Dereitos Humanos, partidos políticos e agrupacións sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país.

 

Comparte esta entrada