• O responsable da área económica de Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio e o director da empresa galega, con sede central no polígono compostelán do Tambre, asinaron un convenio de colaboración polo que a compañía gráfica participará no patrocinio da próxima edición do acto central anual da nosa rede, que se desenvolverá na cidade da Coruña, os días 9, 10 e 11 de setembro
  • Son máis de setenta as entidades, organizacións, empresas e persoas particulares adheridas ao movemento xurdido na Coruña fai cinco anos para aglutinar esforzos en defensa da paz e o dereito a refuxio e que actualmente ten tamén ramificacións en Madrid, Brasil e Portugal

Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio segue sumando adhesións, apoios e patrocinios. O último é o da empresa de Comunicación Gráfica Tórculo, unha das máis prestixiosas do sector en Galicia. O responsable económico da rede, Bernardo Seoane e o xerente de dita empresa, Jacobo Bermejo, asinaron un convenio de colaboración mercé ao cal a compañía contribuirá ao patrocinio do V Encontro Internacional Acampa que se celebrará os días 9, 10 e 11 de setembro no centro da cidade da Coruña, e que terá como tema central o saqueo de recursos e a súa incidencia nos desprazamentos forzosos de milleiros de persoas no planeta.

A empresa Tórculo leva máis de tres décadas traballando no mundo da industria gráfica na Comunidade Autónoma galega. A súa sede central está no polígono do Tambre, en Santiago, e ten presenza, ademais de na capital de Galicia, nas cidades da Coruña e Vigo. Tamén posúe delegacións en Madrid e Cádiz. A súa imprenta é a primeira en Galicia en obter os certificados ambientais FSC® e PEFC. Ambos avalan que o material empregado, neste caso o papel, procede de bosques sostibles. A firma apoia diversos proxectos institucionais e colabora con iniciativas culturais, sociais e deportivas, especialmente nas súas necesidades de comunicación gráfica.

O movimento Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio naceu na cidade da Coruña en 2016. Actualmente replicouse xa con redes Acampa en Madrid, Brasil e Portugal. Trátase dun movemento sen fins de lucro, cuxo obxectivo é defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte máis de setenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, oenegués e organizacións de defensa dos Dereitos Humanos. Tamén partidos políticos, organizacións sindicais, institucións e empresas con responsabilidade social.

Entre as accións anuais de Acampa a máis destacada, sen dúbida algunha, é o mencionado Encontro Internacional, unha cita que ten como eixo central un tema de actualidade relacionado cos desprazamentos forzosos de persoas no mundo. Ao redor dun campo simulado de persoas refuxiadas que se monta no centro da cidade da Coruña, diversas exposicións fotográficas na rúa, conferencias e mesas redondas coa presenza de persoas expertas e activistas internacionais e españolas, así como proxeccións audiovisuais e actos culturais, poñen o foco na temática elixida. Entre os temas abordados nas edicións anteriores están a crise de persoas refuxiadas pola guerra de Siria, as migracións provocadas polo cambio climático e a problemática específica das mulleres migrantes e refuxiadas.

A última edición 2020, totalmente condicionada pola pandemia do coronavirus, que obrigou á organización a restrinxir ao mínimo o programa previsto, abordou o espolio de recursos que está detrás de moitas das migracións masivas no planeta. Será de novo o tema central da edición deste ano, que vaise celebrar os días 9, 10 e 11 de setembro, coa esperanza posta en que as condicións sanitarias permitan o seu desenvolvemento en toda a súa extensión e coa maior normalidade posible.

Comparte esta entrada