• “É espantoso que a estas alturas do século XXI os estados pretendan resolver os seus conflitos por medio da violencia. As vítimas son os pobos e os  victimarios os seus dirixentes”, aseguran desde o Movemento Acampa, convidando a todas as asociacións e colectivos sociais e de defensa dos Dereitos Humanos a aglutinar a súa voz nunha mobilización e baixo unha estratexia unitaria

“Non a esta dinámica criminal. Que os gobernos de Rusia, Ucraína, EEUU e Europa senten a negociar a Paz de maneira inmediata, evitando o sufrimento innecesario da poboación”. Baixo esa premisa, a Rede Acampa pola Paz e o  Dereito a  Refuxio lanza unha CONVOCATORIA URXENTE convidando a todos os colectivos, organizacións e asociacións a acordar unha resposta conxunta á guerra de Ucraína.

O movemento Acampa pola Paz confía en que a resposta a este chamamento sexa masiva, e que todos os que consideran espantoso que a estas alturas do século  XXI os estados e gobernos sigan resolvendo os seus conflitos por medio da violencia acudan ao encontro para fixar de maneira consensuada un lema e un programa de mobilizacións que permitan unha resposta cidadá ampla, que transmita  unha mensaxe de paz contundente.

As vítimas, lembra a Rede Acampa, son os pobos e os victimarios os seus dirixentes. Por iso hai que mostrar o rexeitamento inequívoco a que sexa a sociedade civil a que pague a incapacidade dos seus mandatarios.

A Rede Acampa pola Paz e o  Dereito a  Refuxio convida aos cidadáns a trasladar esta convocatoria a todos os colectivos e organizacións que coñezan no seu entorno e agradece aos medios de comunicación a difusión da mesma. Lembra ademais, aos que vaian asistir, a necesidade de acudir con máscaras á reunión -en cumprimento do protocolo COVID- que terá lugar mañá no salón de actos de Sindicatos.

Comparte esta entrada