“O recoñecemento é importante porque o recibimos no nome das 77 organizacións locais, galegas e internacionais, e tamén en representación dos centos de persoas simpatizantes  e asociadas á nosa rede. Porque o recollemos no nome dos equipos de Acampa en Galicia, en Brasil e en Portugal” aseguran.

 A Coruña, 11 de decembro de 2023.- Grazas. A recepción do Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade concedido pola Asociación Alexandre Bóveda e a Deputación de A Coruña, coa colaboración do Concello da Coruña e por iniciativa do Clube de Opinión Foro Cívico, “prodúcenos grande satisfacción e sentimentos de gratitude e humildade a partes iguais” aseguran desde o Movemento Acampa pola Paz. “Para nós, este premio é importante porque o recibimos no nome das 77 organizacións locais, galegas e internacionais, e tamén en representación dos centos de persoas simpatizantes  e asociadas á nosa rede. Porque o recibimos no nome dos equipos de Acampa en Galicia, en  Brasil e en Portugal”.

A unidade é a única forza capaz de achegar cambios e defender dereitos

Pero é que, ademáis, engaden, iste recoñecemento chega da man do Clube de Opinión Foro Cívico, integrado na Asociación Alexandre Bóveda, entidades ambas con moitos anos de coherente compromiso cultural e sociopolítico. E da Deputación de A Coruña, que entende cada día mellor o seu mandato institucional e democrático de situarse ao lado do tecido sociocultural da provincia. E coma esquecer o nome que leva este galardón, Marcelino Liste, un home comprometido coa defensa dos Dereitos Humanos e que entendeu sempre a  esencialidade do tecido asociativo da cidade e o poder do asociacionismo. Marcelino sabía -como sabemos en Acampa- que a unidade é a única forza capaz de achegar cambios e defender dereitos. Persoas como o cura Liste son os referentes que necesitamos, fronte aos protagonistas da barbarie que nos queren impoñer con algoritmos, ocultando a verdadeira información e manipulando á opinión pública masivamente. Un dato ben revelador sobre a importancia de silenciar a información é o que aportou recentemente Reporteiros Sen Fronteiras: no primeiro mes de ofensiva israelí sobre Palestina corenta e un xornalistas foron asasinados polo exercito israelí.

As persoas e organizacións que conformamos Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio levamos oito anos consolidando esta Rede, sen esperar premio algún, entendendo que defender os DDHH é unha convicción e unha necesidade. Mais este recoñecemento chega ademáis nun momento difícil para a organización de Acampa, pois son xa moitos anos de intenso traballo e sufrimos, coma é lóxico, un certo estrés e cansancio polo que facemos un chamamento a todas as persoas con inquietude e algo de tempo para que presenten a súa candidatura para  traballar na dirección da Rede Acampa.

Ogallá non houbese causa, mais Rede Acampa ten mil e unha razóns para existir. “Asistimos, un día tras outro, ao espanto de xenocidios  como o que esta levando a cabo neste momento o estado sionista contra o pobo palestino, e tantos outros menos mediáticos que suceden coa complicidade internacional dos gobernos, que non dos pobos. Vemos, día a día, o avance da extrema dereita  no mundo, que ameaza claramente os dereitos de toda a cidadanía, resultando ben difícil permanecer sentados mirando o espectáculo”.

 

Comparte esta entrada