Este venres inaugurase nos xardíns o VII Encontro Internacional Acampa pola Paz
De novo un campo simulado reproducirá o que acontece en tantos campos de persoas refuxiadas esparexidos polo mundo nos que o odio, moitas veces en forma de lume, arrasa coa esperanza das persoas máis vulnerables varadas nestes espazos sen dereitos e sen futuro. Este ano, ademáis, un valo como o de Melilla servirá para lembrar o masacre acontecido no paso de Barrio Chino daquela cidade o 24 de xuño do pasado ano.
Fotoxornalistas nacionais e internacionais prestarán as súas miradas sobre o odio que crece e sobre os dereitos que minguan. Tamén sobre eses exemplos de convivencia e respecto ao diferente. Pepe Mujica ou Baltasar Garzón son dous dos relatores convidados polo Movemento Acampa para falar de Odio ou Convivencia. Haberá charlas, talleres, programas de radio e música nunha cita que converte un ano máis A Coruña en cidade sede dun dos eventos sobre Dereitos Humanos e Dereito Humanitario máis destacados do país. Un Encontro que é posible grazas ao apoio do Concello da Coruña, a Deputación provincial, a UDC, Emalcsa, Marea Atlántica e patrocinadores e colaboradores privados.
Toda a información en https://coruna.redeacampa.org/gl/
A Coruña, 12 de xuño de 2023.- No VII Encontro Internacional Acampa pola Paz, que se inaugurará este venres 16 de xuño nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, a Rede convidará á cidadanía a elixir entre Odio ou Convivencia. E farao propoñendo un incómodo paseo pola realidade do odio que campa ás súas anchas por todas partes. Polos medios de comunicación e as redes sociais, cos discursos de odio cabalgando sobre as ideas. Polas rúas de calquera cidade de Europa, ou de EEUU, ou de América Latina, coa ultradereita e o fascismo gritando as súas consignas, branqueando os seus discursos, normalizándose, como nos mostrará o fotoperiodista Jordi Borràs nas súas imaxes. Da man de dúas fotógrafas, a americana Sarah Blesener e a polaca Hanna Jarzabek o público poderá achegarse á “programación” dos nenos nenas, e mozos e mozas convertidos en “soldados de xoguete”, en “patriotas” educados no eu fronte ao resto, no eu, primeiro, no primeiro os nosos. Estratexias que se repiten, sexa en Polonia, en EEUU ou en Rusia…
Tamén, como non facelo, os asistentes terán que pararse de novo diante do acontecido no valo de Melilla o 24 de xuño do pasado ano. Javier Bernardo préstanos a súa mirada, que vai moito máis alá dos números. Uns números que deberían avergoñarnos a todos: 37 persoas mortas. 77 desaparecidas. 470 devoltas en quente. Os Dereitos Humanos pisados na fronteira sur, onde o noso país, a nosa democracia e Europa toda decidiron externalizar as súas obrigas e entregarllas ao reino de Marrocos mentres miran cara outro lado. Óscar Corral e o Colectivo Ollo manterán ao público navegando na mesma mar, cominándolle a mirar ao Mediterráneo Central -de facto o primeiro cemiterio líquido supranacional europeo- e a lembrar o acontecido en 2018 co buque Aquarius ou a ver o que sucede, día tras día, nas súas augas. A pesar de todo o anterior, haberá xanelas de esperanza. A fotoperiodista Nuria López Torres permitiranos asomar á cor e ao respecto mirando aos seus Muxes. A súa mostra recolle o día a día, o papel que xogan as Muxes, un auténtico terceiro xénero nas comunidades zapotecas do sur de México, aceptadas e protexidas socialmente. E Jazabek levará tamén á cidadanía a humanidade dos polacos que atenden aos migrantes agochados no bosque de Białowieża pese ao risco de ser detidos ou multados.
Se todo o mencionado chegará ás rúas coruñesas en forma de fotografías a gran formato, Rede Acampa tamén traerá voces. Voces cualificadas como a do expresidente de Uruguai, Pepe Mujica, que entrará en liña para falar do odio como arma política, ou a do maxistrado-xuíz Baltasar Garzón que falará da xustiza universal como ferramenta para vencer os discursos de odio. A responsable de política interior e investigadora de Amnistía Internacional, Virginia Álvarez, presentará a dura realidade do retroceso dos Dereitos Humanos. E a responsable de operacións do buque de MSF Geo Barents, Virginia Mielgo, achegará aos asistentes á fustrigación da que son obxecto os barcos de rescate que salvan vidas no Mediterráneo Central. Contaremos cos xornalistas Javier Gallego Crudo e Juan de Sola, coa responsable de AcampaBrasil, Célia Regina Rossi; presentaranse os resultados da “Cartografía do impacto do odio nos nosos corpos” realizado pola UDC para Acampa; haberá radio, obradoiros, música…
“Cando nos dispersamos somos máis débiles. Cando nos dividimos perdemos capacidade de reacción e deixamos espazo para que o discurso de odio sexa a ferramenta máis eficaz coa que facer política, alcanzando a toda a sociedade” apuntan desde Rede Acampa; “nos últimos tempos, os discursos de odio fóronse filtrando e asentando no tecido social e no imaxinario da poboación mundial como rémoras da inconformidad ou da frustración social, dacabalo das fake news, das idolatrías ou das políticas públicas que non dan resposta a toda a cidadanía. O odio medra nos medios irrespetuosos e perigosos, leveda nas redes sociais… “ sinalan desde o Movemento Acampa. Por iso “é tan importante que as escolas traballen en educar contra o odio e que os poderes públicos conteñan esa clase de discursos, aplicando unha lexislación severa que restrinxa o seu impacto persuasivo”.
Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio –que integra xa a case 80 organizacións- naceu en 2016 cunha idea central, a unidade de acción de organizacións e persoas que miran con tristeza, pero sen resignación, o retroceso dos Dereitos Humanos e o avance dunha intolerancia totalitarista que, con présa e sen pausa, vaise apoderando dos espazos de democracia, dos dereitos e das conquistas sociais e políticas, afogando o futuro da cidadanía. Nestes anos, nos sucesivos Encontros Internacionais, os asistentes puideron asomar a moitas formas de odio, de discriminación, de abusos sobre os máis débiles. Viuse no Encontro dedicado aos refuxiados de guerra, onde o odio mata, fere e esnaquiza para sempre miles de vidas. Tamén nos referidos ao cambio climático e ao espolio de recursos, co odio exacerbado contra os activistas ambientais ou os defensores dos bens propios esquilmados por outros países, empresas ou multinacionais. Manifesto é o odio contra as mulleres, tratadas como seres de segunda clase, sempre máis vulnerables polo seu propio xénero, sempre menos protexidas nos traxectos migratorios, coa violencia sexual utilizada como atroz arma de guerra…
O VII Encontro Internacional Acampa pola Paz foi posible grazas ao apoio do Concello da Coruña, a Deputación, a Universidade da Coruña, Emalcsa e Marea Atlántica (a través do seu programa Xanela de Proxectos) e a unha serie de colaboradores privados (Tórculo Ediciones La Opinión de A Coruña, Radio Coruña-Cadena Ser, Zenit Hotels e Terras Gauda). Pola súa banda, grazas tamén desde Rede Acampa ao parque de bombeiros da Coruña, o CIFP de Someso, o desgüace Bellagona RETO e Prefhorvisa pola súa colaboración na recreación do campo de persoas refuxiadas simulado.