Foto: V.Casteleiro

  • acordo alcanzado entre Marea Atlántica e o Goberno municipal fará posible o desenvolvemento do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio
  • “Queda claro, co que está a pasar en Ucraína e noutros tantos puntos do planeta, que a crise de persoas refuxiadas vai ir a máis e formará parte da paisaxe presente e futura. Por iso é tan importante profundar na sensibilización social, como fai o Movemento Acampa desde hai máis de sete anos” aseguran desde a Rede

A Rede Acampa fai pública a súa satisfacción pola aposta da cidade na defensa e protección das persoas refuxiadas. O acordo acadado entre Marea Atlántica e o Goberno municipal fará posible  o desenvolvemento do programa “ Cidade  Refuxio” para dar apoio e acollida ás persoas desprazadas e a realización do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, así como o mantemento do traballo de información e sensibilización que o Movemento Acampa desenvolve na cidade desde hai máis de sete anos.

“Queda claro que a crise de persoas refuxiadas, de desprazados  en todo o mundo, vai ir a máis e formará parte da paisaxe presente e futura”, indica o coordinador da Rede Acampa, Xosé Abad. Por iso “é fundamental profundar na sensibilización social, non perder a perspectiva e contrarrestar as derivas totalitarias e xenófobas que medran en todos os países”, engadiu.

O convenio co Concello da Coruña confirma ademáis a consolidación do traballo unitario dunha rede que non deixa de medrar, como se comprobou, por exemplo, coa resposta do domingo á convocatoria dunha concentración cidadá a favor da Paz para Ucraína. Á chamada da Rede Acampa contestaron máis de cincuenta organizacións, entidades e asociacións culturais, sociais, do Terceiro Sector e de defensa dos Dereitos Humanos, así como partidos políticos, sindicatos…O acordo reafirma tamén o compromiso e a empatía da sociedade civil coruñesa fronte ao drama das persoas que camiñan á procura de refuxio, dos que teñen que fuxir das súas cidades e países pola guerra, a fame, a crise climática, a violencia…

O VI Encontro Acampa  pola Paz e o  Dereito a  Refuxio desenvolverase baixo o lema “Fame e  Refuxio” e de novo encherá o centro da Coruña, durante tres días do mes de xuño, dunha intensa actividade  sensibilizadora: o xa emblemático campo simulado, exposicións fotográficas na rúa da man dos  fotoperiodistas máis destacados, conferencias e debates con activistas, testemuñas e expertos na materia, proxeccións audiovisuais, actividades para nenos, talleres participativos, concertos… Un programa amplo en cuxa definición e deseño o Movemento Acampa traballa xa desde que se pechou o quinto encontro Acampa pola Paz.

 

Comparte esta entrada