• O Movemento Acampa pola Paz celebra esta tarde noite, cunha cea, a súa primeira asemblea do 2023
  • Tamén entregará o I Recoñecemento Especial Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos a Alfonso Vázquez, membro de Rede Acampa desde os seus inicios e responsable do deseño e mantemento da  páxina web da entidade, que deixa a primeira liña do seu activismo no movemento Acampa por cuestións persoais. “Vázquez é un exemplo de compromiso social e loita en defensa dos Dereitos Humanos, un activista alérxico ao protagonismo pero columna vertebral de moitas causas xustas que nos ensinou a todos, ao longo destes anos, a construír rede”, destacan desde Acampa.

A Coruña, 20 xaneiro de 2023.- Inicio de ano con moitos proxectos por diante: Poñer en marcha a Escola Acampa, botar a rodar o seu calendario social, celebrar o VII Encontro Internacional Acampa pola Paz en xuño… O Movemento Acampa celebra esta tarde noite a súa primeira Cea-Asemblea, no Hotel Zenit, para informar os socios, representantes de organizacións integradas en Acampa e amigos da Rede, das iniciativas que se abordarán nos próximos meses.

A Escola Acampa pretende ser un espazo formativo en materia de Dereitos Humanos, dirixida non só aos socios e aos membros das distintas organizacións, asociacións e colectivos que integran Rede Acampa, senón tamén aos estudantes universitarios daquelas áreas vinculadas cos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio. “Queremos convidar a especialistas para profundar no coñecemento que sobre todas estas materias temos os que participamos no movemento social, no activismo, dotarnos de ferramentas eficaces para facer fronte, por exemplo, á xenofobia e o odio”, explican desde a Rede. Por iso o primeiro curso estará dedicado a como detectar os discursos de odio e como facerlles fronte. Precisamente “Odio e Convivencia” será o eixo sobre o que pivote o programa do VII Encontro Internacional Acampa pola Paz que se celebrará entre o 16 e o 18 de xuño na Coruña.  Na asemblea avanzaranse datos do seu programa e poñerase ao dispor das organizacións o calendario social para que poidan compartir as súas convocatorias e evitar, ademais, a contraprogramación entre elas.

Recoñecemento Especial á Defensa dos Dereitos Humanos

Os asistentes a este encontro poderán sumarse ademais ao aplauso colectivo do Movemento Acampa a un dos seus membros, Alfonso Vázquez, que por cuestións persoais ten que deixar a primeira liña da Rede. Faráselle entrega do I Recoñecemento Especial á Defensa dos Dereitos Humanos polo seu traballo incansable á fronte da súa páxina web e a difusión das súas actividades. “Vázquez é un exemplo de compromiso social e loita en defensa dos Dereitos Humanos, un activista alérxico ao protagonismo pero columna vertebral de moitas causas xustas que nos ensinou a todos, ao longo destes anos, a construír rede”.

Comparte esta entrada