Esta acción aglutinadora terá lugar diante do Memorial pola infancia asasinada que se levantará nos xardíns durante o Encontro Internacional de xuño na Coruña
O número de mortes continúa crecendo. Miles de nenos e nenas palestinas perderon a vida baixo as bombas de Israel, nunha franxa, a de Gaza, na que non hai sitio ao que escapar, no que agocharse. A eles súmanse tamén miles de orfos e orfas, unha infancia marcada para sempre á que se lle roubou o seu dereito para ser nenos.
A Coruña, 8 de maio de 2024.- Sen bandeiras nin máis cores que os da humanidade que se resiste a ser convidada de pedra diante do masacre de miles de nenos e nenas. Acampa pola Paz quere convocar a toda esa cidadanía que desde o pasado outubro vén vendo, en prime time, a través das súas pantallas de televisión, medios e redes sociais, a destrución do pobo palestino para que, a través dese simbólico minuto de silencio, grite cunha soa voz: Nin unha morte máis. Para organizar esta acción unitaria convoca a todo o tecido social, político e cultural da Coruña e de todo a súa contorna a unha reunión que terá lugar mañá xoves, ás 19 horas, no Quiosco Alfonso da Coruña. Trátase de poñer en común e organizar, entre todos, ese acto aglutinador que terá lugar no marco do Encontro Internacional Acampa pola Paz dedicado á “Infancia e a Mocidade refuxiada”.
A idea é coordinar unha concentración masiva que terá lugar o domingo, 9 de xuño, ás 12 do mediodía, diante do Memorial á infancia asasinada que, de maneira colaborativa, construirase nos Xardíns como espazo de reflexión colectiva. Un Memorial que, aínda que poña o foco en Gaza e nesas máis de 14.000 vítimas inocentes, representará tamén a todos eses nenos e nenas asasinados nos máis de cincuenta conflitos armados que actualmente están activos no mundo.
Para a elaboración do Memorial Acampa, a organización tamén fai un chamamento para conseguir toda a colaboración posible, tanto na doazón de material (sabas brancas) como para a execución dos elementos que, a modo de pequenas mortaxas, envolverano. Un titorial fai moi sinxela a construción das citadas pezas. Calquera que estea interesado en axudar pode contactar con Acampa en loxistica@redeacampa.org
O Memorial, que durante os días 7, 8 e 9 de xuño permanecerá nos Xardíns, será o símbolo da resistencia cidadá fronte á barbarie, e da súa loita pola dignidade e a humanidade. Diante del, o silencio de toda a sociedade civil da Coruña demostrará o seu rexeitamento e presionará a quen, desde os seus ámbitos de poder respectivos, están a axudar a perpetuar esta traxedia para que sentan xulgados. A voz da cidadanía marcará así unha clara liña vermella aos seus gobernantes.