Foto de Laura Covelo

  • A un só clic. A través do https://coruna.redeacampa.org/gl/calendario/a cidadanía poderá coñecer a oferta de conferencias, actos de difusión, proxeccións ou debates que as decenas de asociacións e oenegués vinculadas a Acampa programan ao longo do ano
  • Todas as organizacións e colectivos pertencentes á rede poderán anunciar na web desta plataforma as actividades co obxectivo de multiplicar a súa difusión e evitar contraprogramacións que resten público aos seus eventos

Unha iniciativa máis da rede Acampa que afonda no seu obxectivo, defender e difundir a paz e o dereito a refuxio, conceptos e valores ameazados e esquecidos en centos de puntos do planeta. Para iso, e a través da páxina web desta plataforma, www.redeacampa.org púxose en marcha o primeiro Calendario Social da Coruña e a súa área de influencia.  A idea é que todas as organización, asociacións e entidades que forman parte da rede na actualidade, e todas aqueles colectivos que decidan sumarse no futuro, poidan anunciar os seus programas de actividades a través desta plataforma. O obxectivo é sinxelo,  multiplicar a difusión deste tipo de propostas (conferencias, encontros, exposicións, proxeccións…) e, ao tempo, evitar posibles contraprogramacións, isto é, evitar as coincidencias de datas e horarios que ás veces se dan neste tipo de iniciativas.

O proceso é sinxelo. Cada un dos membros da rede Acampa  pola Paz e o  Dereito a  Refuxio poderá “colgar” directamente as súas convocatorias no calendario, que ademais se sincronizará se  asi deséxano os usuarios co seu propio calendario  google.  Calquer dúbida sobre o uso ou o acceso ao calendario, pode aclararse a través do mail web@redeacampa.org. O fin, en definitiva, estar ao día das propostas sociais da cidade e a súa contorna da maneira máis cómoda posible.

En marcha de novo o Acampa 2020, que estará adicado ao espolio 

Por mor da pandemia, a rede houbo de aprazar o seu evento máis importante, Espolio, a cuarta edición de Acampa  pola paz e o  Dereito a  Refuxio 2020 na Coruña, focalizada na relación directa entre o espolio dos recursos naturais e a xeración de desprazamentos forzosos e prevista para o pasado xuño. A pesar diso, e durante estes meses, non deixou de traballar para facelo posible, confiando en poder celebralo, coa compricidade e apoio do Concello da Coruña, da Deputación , e doutras administracións e entidades,  antes de que remate o ano.

Durante estes meses a redemantívose en actividade. Nunha estreita comunicación con Acampa Brasil celebráronse nos meses de xullo e agosto senllos encontros en liña en colaboración con eles. Neles, expertos en materia de espolio contaron a dura realidade que están a vivir as comunidades indíxenas daquel país, cercados ou expulsados dos seus territorios por empresas, multinacionais e gobernos que están a esquilmar a  Amazonía e outras áreas de biodiversidade imprescindibles, polos intereses económicos das grandes madeireiras,  do agronegocio ou das explotacións mineiras. Así o contaron a avogada indíxena e asesora da  FUNAI, Fernanda  Kaingáng, e o profesor de Xeografía da Universidade Estadual Paulista (UNESP) e investigador sobre o Movemento de Retomadas Indíxenas dos seus territorios,  José  Gilberto de Souza, no encontro celebrado o 2 de xullo baixo o título “Pobos Indíxenas: Resistencia máis aló da  Amazonía”. Ou o profesor Eloy  Terena, asesor xurídico da  APIB, a ex presidenta da  FUNAI,  Guta  Asiratti, a investigadora da  UNESP, María Clara  Belchior, ou Célia R. Rossi, profesora da UNESP e coordinadora de Acampa Brasil o 19 de agosto, cando abordaron o debate “Pobos Indíxenas e as orixes do Refuxio en Brasil”. A chegada do virus COVID-19 aos territorios indíxenas foi devastador, utilizándose incluso a enfermidade como ferramenta para acabar cos pobos indíxenas, molestos para o goberno de  Bolsonaro pola súa defensa da natureza e a súa loita contra a destrución do seu hábitat.

Estes dous encontros podense ver nas ligazóns :

“Pobos Indíxenas: Resistencia máis aló da  Amazonía”

“Pobos Indíxenas e as orixes do Refuxio en Brasil”   

https://www.youtube.com/watch?v=GW8MvDT5lqM

Crise de refuxiados sirios, cambio climático, mulleres refuxiadas e espolio 

En só tres edicións, Acampa converteuse nunha cita imprescindible que converte a Coruña nunha das urbes máis  empáticas coa problemática das persoas refuxiadas e  migrantes que foxen da pobreza, as guerras, a violencia ou as cada vez máis frecuentes catástrofes naturais producidas pola crise climática. En cada edición, Acampa  pola paz e o  dereito a  refuxio pon o foco nun aspecto concreto. En 2017, a primeira, foi a crise dos refuxiados de guerra, achegándonos ao drama sirio; en 2018 centrouse nas migracións derivadas do cambio climático e en 2019 apuntou ao drama específico das mulleres refuxiadas, sempre, xunto cos nenos, as máis vulnerables dos vulnerables. Este ano 2020, o espolio económico que está detrás de moitos dos desprazamentos forzosos de persoas en todo o mundo centrará o programa.

A rede Acampa é unha iniciativa sen fins de lucro que naceu en 2016 na Coruña co obxectivo de defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte máis de sesenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos e sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país. Unha gran maioría desas organizacións son ONG que traballan in situ coas persoas refuxiadas en todo o mundo, desde Open  Arms,  Save The  Children ou Médicos Sen Fronteiras ata Amnistía Internacional, Oxfam  Intermon e Greenpeace. Con vocación universal e en só catro anos, o movemento conseguiu  replicarse en Brasil ou Madrid, e está a xestarse en Lisboa.

Comparte esta entrada