A rede fai público o seu total apoio ás acampadas, concentracións e peches que se suceden nas Universidades

O movemento Acampa pola Paz convida os mozos a sumarse á acción unitaria que o domingo 9 de xuño, ás 12 horas, enmudecerá a toda a cidade e a súa contorna nun Minuto de Silencio fronte ao Memorial pola infancia asasinada en Gaza, unha instalación que se levantará nos Xardíns de Méndez Núñez para denunciar o horror do que desde o pasado outubro estamos a ser testemuñas.

A Coruña, 13 de maio de 2024.-  O movemento Acampa pola Paz felicita á comunidade estudantil galega por non permanecer allea á defensa dos DDHH da poboación palestina, que desde o 7 de outubro están a ser masacrada por Israel. As acampadas, mobilizacións e peches que se están organizando en distintas universidades galegas son a constatación do compromiso que parte da nosa mocidade asume na defensa dos DDHH, e o mellor exemplo de como a sociedade civil ha de responder diante da barbarie. Como noutros períodos da historia, e fronte á morneza ou lentitude na resposta de institucións e gobernos, son os mozos os que levantan a voz para establecer as liñas vermellas que non han de saltarse. E, como en anteriores ocasións, a risco de ser fortemente contestados e reprimidos, como estamos a ver que sucede en varias universidades tanto de EEUU como de Europa.

Acampa pola Paz chama tamén a esa mocidade á participación no Minuto de Silencio en recordo da Infancia asasinada en Gaza, que terá lugar o domingo 9 de xuño, ás 12 horas, nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña, diante do Memorial que Acampa levantará no marco do Encontro Internacional Acampa “Infancia e mocidade refuxiada”. Trátase dunha acción unitaria, aglutinadora, á que xa se están sumando moitas asociacións, organizacións e colectivos do tecido social, político e cultural da Coruña e a súa contorna. Sen bandeiras nin máis cores que os da humanidade que se resiste a ser convidada de pedra  diante do masacre de miles de nenos e nenas. O silencio atronador desa cidadanía que desde o pasado outubro vén vendo, en prime time, a través das súas pantallas de televisión, medios e redes sociais, a destrución do pobo palestino quere converterse nun berro unánime que esixa “Nin unha morte inocente máis”.  Esa concentración masiva do domingo, 9 de xuño, representará non só aos nenos e nenas asasinados en Gaza senón tamén a todos os que morren cada día nos máis de cincuenta conflitos armados activos actualmente no mundo.

Doazóns e voluntariado para facer realidade o Memorial

Para a elaboración do Memorial Acampa a organización fai tamén un chamamento para conseguir toda a colaboración posible, tanto na doazón de material (sabas brancas) como para a execución dos elementos que, a modo de pequenos sudarios, envolverano. Un titorial que se pode consultar en www.redeacampa.org fai moi sinxela a construción das citadas pezas. Calquera que estea interesado en axudar, pode contactar con Acampa en loxistica@redeacampa.org

O Memorial, que durante os días 7, 8 e 9 de xuño permanecerá nos Xardíns, será o símbolo da resistencia cidadá fronte á barbarie, e da súa loita pola dignidade e a humanidad. Diante del, a sociedade civil presionará a quen, desde os seus ámbitos de poder respectivos, están a axudar a perpetuar esta traxedia para que sentan xulgados. A voz da cidadanía marcará así unha clara liña vermella aos seus gobernantes.

 

Comparte esta entrada