- No acto, promovido por AI con motivo do 73 aniversario (10 de decembro) da Declaración Universal de Dereitos Humanos, a Rede Acampa expoñerá a persecución contra a moza activista palestina Janna Jihad e contra o líder indíxena guatemalteco Bernardo Caal
- Janna Jihad é unha adolescente de só 15 anos, acosada por denunciar a violencia de Israel contra os habitantes dos territorios palestinos ocupados e Bernardo Caal é un activista indíxena maya encarcerado en Guatemala pola súa oposición á creación de centrais hidroeléctricas no río sacro da súa comunidade. Ademais destas dúas persoas outros relatores expoñerán tamén a situación do activista nixeriano Imoleayo Michael, encerrado nunha cela subterránea por protestar contra a violencia policial; a mexicana Wendy Galarza, ferida de bala cando protestaba pola violencia contra as mulleres; Mohamed Baker (Exipto), encerrado por defender a liberdade e a xornalista chinesa Zhang Zhan, encarcerada por informar da COVID-19
A Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio participará no acto que mañá venres celebrará Amnistía Internacional (AI) na Coruña para conmemorar o 73 aniversario da Declaración Universal de Dereitos Humanos (10 de decembro). Será a encargada de expoñer o caso e a situación de dúas das seis persoas de distintas partes do mundo cuxos dereitos están a ser conculcados e que foron escollidos pola organización internacional para visibilizar a vulneración dos preceptos da Declaración máis de sete décadas despois da súa aprobación. As persoas concretas cuxa situación expoñerá Acampa son a moza activista palestina, de só 15 anos, Janna Jihad, acosada por enfrontar e denunciar a violencia de Israel contra o seu pobo nos territorios ocupados e o líder indíxena maya guatemalteco, Bernardo Caal, en prisión por opoñerse á instalación dunha empresa hidroeléctrica, promovida por unha gran empresa española no río sacro da súa comunidade. O acto desenvolverase baixo a definición de “palabras e música para defender os Dereitos Humanos” e será a partir das 20 horas, no local do Círculo de Artesáns, no número 36 da rúa San Andrés. A música poñerana Frankie Lafuente, Sapoconcho e Xosé Taboada.
Janna Jihad vive na Cisxordania ocupada. A pesar da súa curta idade é unha icona mundial da loita do pobo palestino contra a violencia do exército israelí e a ocupación dos seus territorio. Cando tiña sete anos presenciou como as forzas armadas israelís mataba o seu tío. Janna usou o teléfono da súa nai para gravar e revelar ao mundo a brutalidade que sofre a súa comunidade. Desde entón xa non deixou de facelo. Por iso, aos 13 anos foi recoñecida como unha das xornalistas máis novas do mundo, que documentaba o trato opresivo e a miúdo letal inflixido polo exército israelí á poboación palestina. Polo seu activismo e xornalismo, Janna Jihad está no punto de mira de Israel. A adolescente palestina sofre un acoso constante e recibe frecuentes ameazas de morte.
Bernardo Caal e a súa comunidade protestaron cando unha empresa autorizada polo goberno represó o seu río sacro, o Cahabón, en territorio maya q’ eqchi, para a construción de dúas centrais hidroeléctricas por parte da empresa española COBRA (ACS), de Florentino Pérez. Despois de reiteradas acusacións infundadas, en 2018, este mestre e defensor ambiental foi declarado culpable sen ningunha proba e condenado a máis de sete anos de prisión. O encarceramento do líder indíxena ten unha intención clara: disuadir ás comunidades de opoñerse ao espolio dos seus territorios e recursos. 29.000 persoas indíxenas mayas guatemaltecas sofren o saqueo das augas do seu río, ademais de sagrado, base da súa subsistencia.
Os outros catro activistas cuxa historia de acoso e persecución escoitaranse neste acto son as de o nixeriano Imoleayo Michael, encerrado nunha cela subterránea por protestar contra a violencia policial; a mexicana Wendy Galarza, ferida de bala cando protestaba pola violencia contra as mulleres; Mohamed Baker (Exipto), encerrado por defender a liberdade e a xornalista chinesa Zhang Zhan, encarcerada por informar da COVID-19.