Convídaos a participar no Minuto de Silencio pola Infancia Asasinada do día 9 de xuño na Coruña, e a convocar Minutos de silencio antes dos plenos nos seus respectivos concellos.
Os días 7, 8 e 9 de xuño celebrarase o VIII Encontro Internacional Acampa pola Paz 2024, que este ano terá como tema troncal a “Infancia e Mocidade Refuxiada”. A barbarie de Israel sobre Gaza protagoniza o cartel desta convocatoria.
Dentro das actividades, está previsto poñer en pé un Memorial pola Infancia asasinada en Gaza. Trátase dunha instalación colaborativa de mil elementos que renderá unha homenaxe a máis de 14 000 nenas e nenos asasinados en Gaza; fronte a el está previsto gardar un Minuto de Silencio o domingo, 9 de xuño, ás 12 horas.
Na asemblea celebrada por Acampa, aberta ás entidades que quixeran colaborar, presentouse unha proposta que trasladamos a todos os Concellos da comarca da Coruña:
1. Aprobar nos plenos municipais que se celebren nas próximas semanas unha declaración institucional de solidariedade con Palestina, de rexeitamento á ocupación de Gaza por Israel —que xa se cobrou máis de 35 000 mortes, a destrución de centos de miles de vivendas, hospitais e edificios públicos— e de apoio á resolución aprobada pola ONU para que Palestina sexa admitida como Estado membro.
2. Participar no minuto de silencio convocado para o 9 de xuño diante do monumento de homenaxe ás nenas e nenos asasinados en Gaza e difundir esta convocatoria en cada concello.
3. Convocar un minuto de silencio antes do inicio do pleno da Corporación municipal, nas portas da Casa do Concello e coa bandeira de Palestina, en solidariedade con Gaza.
4. Colaborar na construción do Memorial, facendo unha doazón urxente na conta da Asociación sociocultural Acampa: ES79 2100 2323 9602 0043 2009