• Na xuntanza, promovida pola Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio -convocante da movilización- acordouse esixir que as partes implicadas senten, de maneira inmediata, a negociar unha saída que impida máis mortes civís e máis desprazamentos masivos de cidadáns
  • Un lema, “Paz en Ucraína. Saída negociada Xa!. Baixo el, a cidadanía coruñesa e da súa contorna está chamada a berrar en masa un inequívoco Paz. A concentración terá lugar este domingo,  6 de marzo, ás 12 horas, no Obelisco

Unha vintena de organizacións sociais, políticas e de defensa dos Dereitos Humanos responderon presencialmente á chamada da Rede Acampa para consensuar unha acción unitaria de rexeitamento da ocupación militar de Ucraína por parte de Rusia.  Os representantes destas, e outros que aínda que non poideron acudir persoalmente anunciaron o seu apoio, determinaron onte sumarse á proposta do Movemento Acampa para esixir o fin da guerra. Baixo o lema “Paz en Ucraína. Saída negociada Xa!”, a cidadanía de A Coruña e a súa contorna está chamada a unha concentración este domingo, ás 12 horas, no Obelisco coruñés.

“Xa temos novamente que lamentar o horror de persoas mortas, sufrimento e desprazamentos masivos. Opoñémonos a esta dinámica criminal. Esiximos aos gobernos de Rusia, Ucraína, EEUU e Europa que senten a negociar a Paz de xeito inmediato, evitando o sufrimento innecesario da poboación”, sinalan no seu manifesto. Os participantes esixen o cesamento do fogo, a retirada das tropas invasoras e a acollida inmediata de TODAS as persoas refuxiadas que están a chegar aos países da contorna da Ucraína.

A sociedade civil ten que mostrar o rexeitamento á violencia en Ucraína, sinalan, onde outra vez o pobo está a pagar coa súa vida polos intereses dos seus dirixentes.  A mensaxe a eses dirixentes ten que chegar clara: Paz en Ucraína. Por iso, a Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio convida a todos os cidadáns e cidadás da Coruña e dos municipios limítrofes a alzar a voz o domingo e a participar na concentración convocada a tal efecto. O manifesto será leído polo comunicador e músico Xurxo Souto, e nela participará activamente a comunidade ucraína da Coruña que, sen dúbida algunha, sentirá a calor e o apoio da sociedade galega.

As asociacións e colectivos que apoian ata o momento a iniciativa son Mundo sen Guerras e sen violencia, Foro Galego de Inmigración, Integra Coruña, Simbiose, Aire, Vangarda Obreira, Sen Valos, Solidariedade Galega, Refugees Welcome, Fotos contra a Guerra e RefuCoru. Xunto a eles, a Marcha Mundial pola Paz e a Nonviolencia, as asociacións Campo de Pena-Palavea, Fuco Buxán e a Asociación Veciñal Castrillón-Urbanización Soto “ IAR”. Así mesmo, estarán Defensa do Común, UXT, CCOO, CXT, CIG, Marea Atlántica, BNG, Podemos e PSOE. Tamén se sumaron Amnistía Internacional, Enxeñería sen Fronteiras, Families4 Peace, a ONG Por que non? , a Coordinadora Galega de Ong, VERDES EQUO Coruña, Forum Propolis e Solidariedade Internacional de Galicia. Adhírense tamén á iniciativa da concentración a favor da Paz o Colectivo pola Renda Básica da Coruña, Galiza Nova e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia.

Calquera organización que queira sumarse á iniciativa pode contactar coa Rede Acampa a través do mail  acampa@redeacampa.org

A Rede Acampa agradece, desde xa, a complicidade dos medios de comunicación na difusión desta proposta.

Comparte esta entrada