• Este é o resultado do proceso de votación aberto pola Rede Acampa  pola Paz que rematou o pasado 15 de marzo
  • Dúas oenegués referentes, dirixidas pola activista Helena Maleno e polo coruñés Guillermo Fernández-Obanza, “Mito” son as dignas receptoras do aplauso colectivo de todo o Movemento Acampa. Desde a Rede agradécese a participación, tanto á hora de propoñer candidaturas aos citados Recoñecementos como no proceso de votación. O Recoñecemento será entregado en coincidencia co VI Encontro Internacional Acampa  pola Paz que se celebrará en xuño na Coruña

Xa temos resultados. Na súa segunda edición, o Recoñecemento Internacional Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos irá parar, nas súas dúas categorías, internacional e galega, a mans de dúas oenegués sen dúbida referentes. Trátase de “Caminando Fronteras”, a voz que desde fai máis de quince anos consegue que as miles de persoas que  migran atravesando o mar ata as costas españolas deixen de ser invisibles e anónimos, e “ Ecodesarroio Gaia” que desde fai máis de trinta anos estableceu un leito continuo para a migración senegalesa, acollendo e axudando aos miles de senegaleses e senegalesas que chegaron nestas décadas a Coruña e o resto da comunidade galega e promovendo proxectos educativos, sociais e laborais naquel país.

Unha decena de activistas e organizacións de recoñecida traxectoria no ámbito humanitario e a defensa dos dereitos das persoas máis vulnerables conformaron a lista de candidaturas a estes segundos Recoñecementos Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos. Os resultados da votación foron os que seguen: Caminando Fronteras, 27% dos votos, seguida do Pai Julio Lancelotti cun 24,3%,  Jineth  Bedoya 18,9%,  Sultana  Jaya 13, 5%, Médicos Sin Fronteras 10,8% e José  Palazón, co 5,5% dos votos. Na categoría local, Ecodesarrollo Gaia obtivo o 36,1% dos votos, seguido de Carmen Avendaño, co 22,2%, a oenegué Infancia Solidaria que empatou en resultado coa anterior, co 22,2%, e Laura  Bugalho co 19,4% restante.

Será durante o VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o  Dereito a  Refuxio, no mes de xuño na Coruña, cando se entreguen ambos os dous recoñecementos, que toman forma nunha peza da escultora Pilar Subías e un título que acredita o aplauso colectivo de todo o Movemento Acampa e a sociedade civil. Con estes recoñecementos, a Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio quere dar visibilidade e poñer en valor ante a opinión pública o labor de entidades e persoas que traballan contra as vulneración de dereitos en calquera parte do mundo e no auxilio das persoas afectadas por calquera tipo de desastre natural ou provocado pola acción humana.

A sexta edición do Encontro Internacional Acampa terá como fío condutor a fame como causa do desprazamento de millóns de persoas á procura de refuxio.

CANDIDATURAS:

Caminando Fronteras, fundado pola xornalista e investigadora Helena Maleno é unha organización non gobernamental que leva máis de 16 anos traballando na defensa dos dereitos das persoas migrantes. É unha das ONG que documenta a vulneración de dereitos humanos a ambos os dous lados da fronteira sur española. A tamén xornalista e escritora colombiana, Jineth Bedoya, foi secuestrada, torturada e violada por paramilitares no ano 2000 e leva desde entón loitando pola visibilización e castigo da violencia sexual e o seu uso como arma, a través do movemento “No es hora de callar”. Bedoya conseguiu recentemente unha condena histórica da Corte Interamericana de Dereitos Humanos ao Estado Colombiano polo que lle sucedeu hai dúas décadas.

O fotógrafo e activista José Palazón é o fundador da ONG Asociación pro Derechos de la Infancia ( PRODEIM), centrada especialmente na axuda a menores migrantes non acompañados e tamén a mulleres maltratadas na cidade de Melilla.

A ONG Médicos Sin Fronteras presta atención médico-humanitaria a persoas afectadas por guerras, violencia, epidemias e desastres naturais. Socorreu e salvou a vida a millóns de persoas en todos os recunchos do planeta. Acaba de cumprirse, en decembro de 2021, o 50 aniversario da súa creación.

Júlio Lancelotti é un sacerdote, alcumado no seu país, Brasil, o pai das persoas “sen teito”. Desde a súa parroquia na populosa cidade de Sao Paulo e percorrendo as súas rúas socorre e defende desde hai anos os dereitos das persoas máis vulnerables, o que lle ten granxeado incontables ameazas de morte e non menos reproches da xerarquía católica.

Sultana Jaya é a presidenta da Liga Saharauí para a Defensa dos Dereitos e Contra o Espolio dos Recursos Naturais do seu pobo. Leva máis dun ano en arresto domiciliario, ordenado polas autoridades marroquís, e é vítima dun constante acoso e brutais ataques, que inclúen desde malleiras a violacións, tanto a ela como aos membros da súa familia.

Carmen Avendaño foi a abandeirada nos anos oitenta da loita das nais galegas contra o narcotráfico que campaba ás súas anchas na Comunidade Autónoma e os estragos que este estaba a causar entre os seus fillos. Unha labor á que aínda segue ligada, 40 anos despois, a través da asociación por ela impulsada, Érguete, con sede en Vigo, que presta atención a persoas afectadas por condutas adictivas e ás súas familias.

A ONG Ecodesarrollo Gaia, fundada en 1998 polo activista coruñés Guillermo Fernández Obanza, Mito, centra o seu traballo fundamentalmente na migración senegalesa en Galicia e en proxectos de desenvolvemento e educación nese país africano como a creación dunha escola para mozas adolescentes que non saben ler ou unha cooperativa de mulleres saladoras de peixe.

Infancia Solidaria é unha ONG española de axuda a nenos e nenas. “Sana sana” é un dos seus programas máis coñecidos. A través del prestan atención cirúrxica a menores de países en desenvolvemento que necesitan unha operación que non pode ser realizada no seu país de orixe.

Laura Bugalho é unha das máis coñecidas activistas galegas que traballa na defensa dos dereitos das persoas do colectivo LGTBI. Leva anos tamén traballando na defensa dos dereitos das persoas migrantes en Galicia, unha dedicación que lle custou mesmo unha condena xudicial.

Comparte esta entrada