Foto: V.Casteleiro
- O carácter solidario da cidadanía confirmouse unha vez máis
- O Movemento Acampa agradece a resposta da sociedade civil e a complicidade de todas as entidades e organizacións que fixeron posible esta movilización
Miles de coruñeses e habitantes da comarca responderon á chamada do Movemento Acampa para esixir a Paz para Ucraína e a procura dunha saída negociada que impida máis dor, mortes e desprazamentos naquel país. Miles de voces esixiron, como unha soa voz, a retirada das tropas rusas de Ucraína.
Máis de corenta organizacións acordaron a proposta da Rede Acampa de formar unha unidade de acción a favor da Paz. Foi o comunicador,escritor e músico Xurxo Souto o encargado de ler o manifesto. “Novamente temos que lamentar o horror de persoas mortas, sufrimento e desprazamentos masivos! Condenamos a intervención militar rusa en Ucraína. Opoñémonos a esta dinámica criminal. Esiximos aos gobernos de Rusia, Ucraína, EEUU e Europa a que senten a negociar a Paz de maneira inmediata, evitando o sufrimento innecesario da poboación. Esiximos o cesamento do fogo inmediato, a retirada das tropas invasoras e a acollida urxente de persoas refuxiadas. De todas as persoas refuxiadas”. Ese foi a clara mensaxe secundada pola sociedade civil coruñesa na mobilización multitudinaria desta mañá no Obelisco.
Esta convocatoria unitaria foi iniciativa das organizacións galegas que compoñen a Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, á que se sumaron outras organizacións, asociacións, colectivos de todo tipo e centos de persoas.
A.I.R.E (Asociación Integral de Rescate en Emergencias) Amnistía Internacional, Alternativa dos Veciños, Asociación Campo de Pena – Palavea, Asociación de Veciños EIRÍS, Asociación de Veciños Castrillón-Urbanización Soto “IAR”, Asociación de Veciños Labañou, Asociación de Veciños Agra do Orzán, Asociación de Veciños Oza Gaitera-Os Castros, BNG CCOO, CGT, CIG, Colectivo Pola Renda Básica da Coruña, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Coordinadora Galega de ONGs, CUAC FM, Defensa do Común, Enxeñería Sen Fronteiras, Families4Peace, Foro Galego de Inmigración, Forum Propolis, Fotos Contra a Guerra, Galiza Nova, Integra Coruña, Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia, Marea Atlántica, Médicos do Mundo, Movemento pola Paz en Galicia, Mundo sen Guerras e sen Violencia, ONGd Por qué no?, Podemos, PSOE, RefuCoru, Refugees Welcome, Sen Valos, Simbiose, Solidariedade Galega, Solidariedade Internacional de Galicia, UGT, Vangarda Obreira y Verdes EQUO Coruña son as organizacións que se sumaron a esta iniciativa.
Grazas ao traballo dunha das organizacións da rede ponse ao dispor da cidadanía un blogue no que se detallan todas as organizacións e recursos que neste momento están en marcha para o envío de axuda. É recursosucraina.blogspot.com