• Na categoría Internacional figuran o MST, a  APIB, o  COPINH, Rede Renda Básica,  Elna  Maternity  Center,  Coordinadora de Barrios , Carola  Rackete,  Malala  Yousafzai,  Gustau  Nerín e  Setsuko  Thurlow
  • Á categoría local, no ámbito de Acampa Galicia, optan catro candidaturas: os activistas Nicanor Acosta e Leticia Santaballa, a Cociña Económica de a Coruña e a oenegué  Ecodesarroio Gaia
  • O prazo de votación, en liña a través da web de Acampa pola Paz, abrirase o 30 de marzo e pecharase o 15 de abril. Poderán participar todas as persoas asociadas á rede ou a calquera das organizacións que a integran. Ademais, cada organización dispoñerá, como tal, dun voto

Non están todos os que son. Pero sen dúbida todos e todas as que están son merecedores do I Recoñecemento Internacional Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos. Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio agradece ás organizacións e particulares que a integran a participación e implicación con esta iniciativa da rede, coa que se pretende destacar e difundir o papel activo e exemplificante dos candidatos e candidatas na Defensa dos Dereitos Humanos.

“Non é un premio nin un galardón; o obxectivo é recoñecer e difundir publicamente o seu exemplo social”, asegura o coordinador da Rede Acampa, Xosé Abad. Trátase de por en valor a todas aquelas persoas ou entidades que seguen crendo que a defensa dos Dereitos Humanos é un elemento irrenunciable e innegociable, independentemente do escenario no que nos atopemos (guerras, crise económica, crise climática ou mesmo pandemia…) Nun sentido amplo e en todas as áreas en que a nosa Rede Acampa traballa: Dereitos Humanos, Dereito a Refuxio,  e Defensa da Paz e o Diálogo como fórmula para a resolución das diferenzas.

Catro particulares e seis organización optan na categoría internacional

O recoñecemento internacional, que será outorgado anualmente polas redes Acampa en funcionamento -actualmente Acampa Coruña, Acampa Madrid, Acampa Brasil e Acampa Portugal-  recaerá nesta primeira edición nunha das seguintes candidaturas:

Particulares:

Gustau  Nerín (antropólogo, historiador e activista, especialista no estudo do colonialismo español en África)

Carola  Rackete, capitá do Sea Watch 3, denunciada por Salvini e encarcerada en Italia

Malala  Yousafzai, a moza activista paquistaní defensora dos dereitos das mulleres, en especial o dereito á educación, fronte ao réxime talibán.

Setsuko  Thurlow, sobrevivente das bombas de  Hiroshima e portavoz do  ICAN (o movimento internacional que traballa na abolición das armas nucleares.

Organizacións:

MST (Movemento político social brasileiro dos Traballadores Rurais Sem Terra, que loita pola reforma agraria e a xustiza social)

APIB (Asociación que articula aos pobos indíxenas brasileiros)

COPINH (Consello Cívico de Organizacións Populares e Indíxenas de Honduras que defende o  medioambiente e o territorio da cultura  lenca en  Intibucá fronte ao espolio, en recoñecemento e homenaxe á lideresa Berta Cáceres, asasinada hai cinco anos pola súa loita en defensa da auga dos ríos e o territorio da súa comunidade)

Rede Renda Básica (Rede global que desde o 2001 promove a implantación da Renda Básica) Elna  Maternity  Center (proxecto asociativo de acollida para mulleres refuxiadas en avanzado estado de xestación e alta vulnerabilidade, que montou unha maternidade en Atenas)

Coordinadora de Barrios, oenegué que traballa desde hai máis de 25 anos no mundo da exclusión social, a pobreza e a marxinación por riba dos credos políticos, relixiosos ou ideolóxicos.

Candidatos ao I Recoñecemento local

Catro son as candidaturas que optan á categoría local do recoñecemento no ámbito de Acampa Galicia: Nicanor Acosta (referente indiscutible do activismo social na Coruña e defensor da converxencia da diversidade, o diálogo e a unidade na acción) Leticia  Santaballa ( psicóloga  e activista  con ampla experiencia no  traballo de campo en migracións tanto en España como en Grecia ou Francia), a Cociña Económica da Coruña (histórica institución que soubo dar rápida resposta ao crecemento exponencial de usuarios nesta crise económica e pandémica)  e a oenegué coruñesa Ecodesarroio Gaia (que desde 1992 traballa en proxectos de  codesarrollo e cooperación internacional, destacando o traballo que desde hai décadas desenvolve en Senegal e na atención dos senegaleses en Galicia)

Os elixidos ou elixidas recibirán unha Carta de Recoñecemento destacando o seu labor así como a peza deseñada para Acampa pola escultora Pilar Subías.

Comparte esta entrada