- A edición deste ano “Fame e Refuxio” reflexionará sobre a relación entre os grandes desprazamentos de persoas e a penuria alimentaria
- O xornalista de Gomaespuma e El Intermedio virá á Coruña co seu último traballo literario “Marcelo”, unha homenaxe aos inmigrantes hispanos que levantaron o negocio da hostelaría en Estados Unidos. Recentemente chegada da guerra de Ucraína, a tamén xornalista, Patricia Simón, profundará no contido do seu ensaio “Miedo”, un repaso polos temores de nosa era que instrumentalizan a ultradereita e o populismo para medrar. O fotoxornalista Juan Carlos Tomasi repasará as fotografías que ilustran o libro “La memoria del olvido” en alusión as crises humanitarias crónicas que sofren numerosos países e das que apenas se fala. Fesser presentará tamén o documental “O monstro invisible”, que realizou co seu irmán, sobre os estragos da desnutrición infantil
O papel da inmigración de América Latina en Estados Unidos nas últimas décadas, o avance da ultradereita e os populismos que criminalizan ás persoas migrantes e refuxiadas e os lugares esquecidos do mundo nos que a insuficiencia alimentaria e a desnutrición severa son unha situación cotiá. Destas realidades falarán na presentación das súas últimas publicacións tres recoñecidos xornalistas, Guillermo Fesser, Patricia Simón e Juan Carlos Tomasi, durante o VI Encontro Internacional Acampa pola Paz “Fame e Refuxio”, que se celebrará na cidade da Coruña os días 9, 10 e 11 de xuño. As presentacións forman parte do amplo programa do Encontro, centrado nesta edición na pandemia da fame que afecta a 811 millóns de persoas no mundo e que é unha das principais causas dos desprazamentos masivos de persoas no planeta.
Guillermo Fesser, o cincoenta por cento do innovador programa radiofónico Gomaespuma e actualmente correspondente en EE. UU do programa de televisión El Intermedio, presentará a súa recentemente publicada obra “Marcelo” (Contraluz), unha novela baseada na biografía do barman do mítico Oyster Bar da estación de Grand Central en Nova York, un personaxe real a través do cal o escritor radiografía o importante papel das persoas migrantes de América Latina na economía en América do Norte, especialmente no sector da hostalería. O traballo creativo de Fesser estará presente por partida dobre. Na listaxe de proxeccións audiovisuais desta sexta edición figura tamén a curtametraxe “El Monstruo invisible” que realizou co seu irmán, o director de cinema Javier Fesser, para concienciar e mobilizar contra a desnutrición crónica que afecta a 149 millóns de menores no mundo. O audiovisual está protagonizado por Aminodin e Alimán, dous cativos que, a pesar de traballar nunha vertedoiro e a vivir nun campo de desprazados, non perden o sorriso.
“Miedo” (Debate), a obra de Patricia Simón, reporteira especializada en Dereitos Humanos e enfoque feminista, cofundadora de Periodismo Humano, é un ensaio sobre os temores que definen a nosa era e como os instrumentalizan a ultradereita e os populismos. Simón, que estivo cubrindo a guerra de Ucraína durante cinco semanas, estará acompañada na presentación polo xornalista Javier Gallego “Crudo” (condutor do programa de radio Carne Cruda, que se emitirá tamén ese día desde Acampa) e da escritora e profesora galega Susana Sánchez Aríns.
“La memoria del olvido, una historia gráfica de Médicos Sin Fronteras” (Blume) publicouse o pasado ano 2021 con motivo do 50 aniversario da organización de axuda e atención médica humanitaria. As imaxes deste espectacular libro gráfico están asinadas por Juan Carlos Tomasi, xornalista e fotógrafo que leva traballando 25 anos para a ONG. Con ela percorreu practicamente o planeta, documentando todo tipo de desastres humanitarios, moitos deles, crónicos e esquecidos, que sofren millóns de persoas como resultado da combinación das políticas que protexen o prezo do gran nos mercados, a falta de choiva e auga ou o cambio climático. Tomasi presentará o libro acompañado de Anna Surinyach, fotoxornalista e editora gráfica da Revista 5W
Campo de interpretación da fame
Os Encontros Internacionais Acampa pola Paz transforman o centro da Coruña durante tres días nun foro de reflexión e debate sobre a situación das persoas migrantes e refuxiadas, as causas dos seus desprazamentos e o estado de cumprimento dos Dereitos Humanos. Todas as actividades desenvólvense ao redor dun campo, instalado nos céntricos Xardíns de Méndez Núñez. Un espazo que permite á cidadanía imaxinar, pasear e percibir eses espazos nos que sobreviven millóns de persoas. Nesta ocasión será un campo no que poderemos asomar a distintos escenarios de fame no mundo.
É tamén un referente dos Encontros a gran exposición de fotografía humanitaria, unha das máis importantes que se poden contemplar no estado español, que baliza, con imaxes de gran formato, os xardíns de Méndez Núñez. Unha mirada sobre a fame, as súas causas e efectos que asinan sete fotoxornalistas de prestixio internacional como son Ricard García Vilanova, Silvia Landi, Lys Arango, Pablo Tosco, Roberto Zaím, Javier Teniente ou o citado Juan Carlos Tomasi.
Os relatorios diarios con activistas, expertos e testemuñas do tema da edición, actividade central dos Encontros, contarán nesta sexta edición entre outros, coa física, filósofa e escritora india Vandana Shiva, activista do ecofeminismo e receptora en 1993 do chamado Premio Nobel Alternativo, coa responsable en Nutrición de Médicos Sen Fronteiras, Montse Escruela, ou co correspondente internacional Rafael Poch.