XOVES 8 ÁS 11:30
(FAC.SOCIOLOXÍA, CAMPUS DE ELVIÑA, 15071, A CORUÑA)
José Palazón, presidente da asociación PRODEIN, leva máis de 20 anos pelexando polos dereitos dos menores non acompañados que chegan a Europa desde Melilla.
Desde a fronteira con Marrocos, traballa cada día por facilitar o acceso de menores indocumentados a unha residencia segura, á escola e a unha vida esperanzadora.
O seu testemuño é clave para entender a situación real da emigración no noso país: o drama das devolucións en quente, o incumprimento dos dereitos humanos máis básicos, a violencia e a crueldade que se exerce contra os que tratan de saltar o valo, a inoperancia das institucións, a falsidade e hipocrisía políticas e a invisibilidade total á que quedan relegados tanto o traballo da súa asociación como os nenos e nenas que dependen da súa axuda.
José Palazón é un activista de referencia para todos aos que nos preocupa a situación da emigración e a infancia, unha voz que incomoda á dereita política e á que debemos escoitar hoxe máis que nunca para poñer o foco nos problemas reais aos que nos enfrontamos e non deixarnos confundir polo discurso enganoso que se estende na nosa sociedade.
Aínda que non saibas ata onde chegou co seu traballo, seguro que si coñeces a súa fotografía “Paisaxes de desolación” coa que conseguiu remover conciencias en todo o mundo.
Valla de Melilla frente a campo de golf / Fotografía: José Palazón
A súa historia é, ademais, un relato apaixonante sobre a loita, a perseveranza e o compañeirismo.
Non vos perdades o seu esclarecedor testemuño este xoves ás 11:30.