Greta Thunberg, a UNRWA, o xornalista palestino Wael Al-Dahdouh, a activista nicaraguana Haydée Castillo, a cineasta e xornalista palestina Bisan Owda e MSF son os que optan, na categoría internacional, ao aplauso colectivo de Acampa pola Paz
No ámbito galego rexistráronse tres candidaturas: Manuel Martín García, portavoz da Plataforma SOSSanidade pública de Galicia, a asociación AGA-Ucraína e a Fundación Secretariado Gitano.
A Coruña, 22 de febreiro de 2024.- Nove candidaturas. Todas elas, sen dúbida, merecedoras desde xa do noso aplauso colectivo. Este ano, a rede postulou ao IV Recoñecemento Acampa á defensa dos Dereitos Humanos seis candidaturas na categoría internacional e tres no ámbito local-Galicia. As do ámbito internacional son:
Greta Thunberg. Polo seu liderado na defensa do planeta, simbolizando nela a defensa de todos aqueles nenos aos que a crise climática está a converter en refuxiados, ás vítimas do espolio de recursos, aos que ven como a suba do nivel da mar arrasa as súas aldeas; nela están representados aqueles que enferman polo uso de pesticidas ou que perden o seu hábitat natural por cultivos intensivos que esnaquizan e invaden a súa contorna vital. A súa voz defende o futuro daqueles aos que o capitalismo feroz deixa sen presente e sen futuro. Aos que as guerras, case sempre económicas, sepultan baixo as bombas ou feren física e mentalmente para sempre.
UNRWA, a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos, polo seu traballo durante sete décadas atendendo ás persoas refuxiadas palestinas e, en especial, polo crucial papel que están xogado no último ataque de Israel sobre Gaza, que desde o pasado 7 de outubro vén arrasando a Franxa e devastando cidades e pobos, asasinando e ferindo a boa parte da súa poboación civil.
Wael Al-Dahdouh, xornalista palestino xefe da oficina de Al Jazeera en Gaza. Por contar ao mundo, pese ao altísimo custo persoal, o que está a acontecer en Gaza. O seu compromiso profesional é tan sobrecolledor como a súa resiliencia, sen soltar o micrófono a pesar de que boa parte da súa familia morreu en distintos ataques israelitas. A súa esposa, a súa filla Sham, de 7 anos, o seu fillo Mahmoud, de 15 e un neto con menos de dous meses morreron nun bombardeo. Outros catro fillos seus resultaron feridos no bombardeo que matou a outros oito familiares. Wael Al-Dahdouh resultou ferido polo ataque dun dron israelí no que morreu tamén un compañeiro seu. Poucos días despois a aviación israelí asasinou tamén ao seu fillo Hamza, xornalista como el en Al Jazeera, mentres viaxaba nun coche con outro xornalista, Mostafa Thuraya, que tamén morreu no ataque. En todo ese tempo, non soltou o micrófono para denunciar díante do mundo a barbarie xenocida que está a executar Israel en Gaza.
Haydée Castillo, histórica activista e defensora dos Dereitos Humanos de Nicaragua. Desde 2018 é exiliada política en Estados Unidos e desde febreiro de 2023 desposuída da súa nacionalidade polo goberno de Daniel Ortega, quen tamén confiscou os seus bens. A pesar de todas as dificultades, Castillo segue documentando sen descanso a vulneración dos DDHH no seu país, denunciando o espolio do territorio e promovendo a xustiza transicional (memoria, verdade, xustiza, resarcimento e non repetición) xunto a organizacións de vítimas da represión estatal de Nicaragua.
Bisan Owda é unha das voces que está a retransmitir en directo o xenocidio que está a vivir o seu pobo en Gaza, Palestina. Cineasta e xornalista palestina moi coñecida polos seus vídeos nas redes sociais cos que documenta os actuais ataques de Israel sobre Gaza.
Médicos sen fronteiras. ONG que traballa na atención da poboación civil vulnerable nos puntos máis dispares do planeta. Candidata pola especial cobertura e permanencia actual na Franxa de Gaza, á beira do pobo palestino, baixo as bombas e o asedio xenocida israelita. Os seus profesionais dan o mellor exemplo ao mundo da importancia de defender os DDHH e á sociedade civil nos conflitos.
As que optan á categoría Galicia son:
AGA-Ucraína, asociación creada en Galicia por mor do conflito en Ucraína para dar cobertura aos civís que escapan da guerra iniciada por Rusia contra o seu país. Desde entón, trata de dar resposta inmediata ás necesidades da poboación desprazada, tanto na acollida dos refuxiados que chegaron e chegan á comunidade autónoma galega –na actualidade hai unhas 3.000 persoas- como en prestar a súa asesoría en materia de protección internacional.
Manuel Martín, portavoz da plataforma SOS SANIDADE Pública de Galicia e presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública. Polo seu compromiso coa sanidade pública e o seu defensa da atención primaria como o elo imprescindible para un bo funcionamento do sistema sanitario. Desde hai anos, SOS Sanidade vén denunciando o desmantelamento interesado e progresivo da atención sanitaria en Galicia, en beneficio da medicina privada, algo que afecta ao global da poboación galega pero máis aínda se miramos ao estrato máis vulnerable da mesma.
Fundación Secretariado Gitano. Para que a nosa comunidade compense a débeda pendente co pobo xitano que sendo discriminado responde coa acción non violenta e traballa pola igualdade. A FSG desenvolve todo tipo de accións que contribúen a alcanzar a plena cidadanía das persoas xitanas, a mellorar as súas condicións de vida, a promover a igualdade de trato e a evitar toda forma de discriminación, así como a reivindicar o recoñecemento da identidade cultural da comunidade xitana.
O prazo de votación abrirase o un de marzo e poderase exercer o voto en liña ao longo de todo o mes. Desde o equipo de coordinación do Movemento Acampa, agradecer a complicidade dos integrantes da rede e o seu compromiso e resposta á hora de presentar candidaturas, convidando á cidadanía comprometida cos DDHH a votar.