Unha impactante imaxe do fotógrafo palestino Majdi Fathi, un dos invitados ao evento, protagoniza o cartel desta proposta reflexiva que de novo converte A Coruña en cidade referente na defensa dos DDHH

Acampa pola paz convida de novo á cidadanía para reflexionar. A mirar cara á  violencia, os medos e a morte á que se enfrontan millóns de nenos e nenas que permanecen en territorios en guerra, atrapados pola fame, a seca, os desastres naturais… En definitiva, a entender porqué camiñan á  procúra de refuxio, soñando cun futuro posible.

 A ministra de Xuventude e Infancia do Goberno Central, Sira Rego, e a directora da UNRWA España, Raquel Martí, participarán como relatoras no Encontro. Nesta edición serán oito os fotoxornalistas que expoñerán nos Xardíns de Méndez Núñez.

Un Memorial pola infancia asasinada en Gaza e un campo simulado de persoas refuxiadas, tamén gazatí, serán dous dos polos principais de atracción deste oitavo Encontro Internacional.

 A Coruña, 9 de maio de 2024.- A realidade debuxa a programación. Se o tema troncal sobre o que discorrerá o Encontro Internacional Acampa pola Paz 2024 (do 7 ao 9 xuño, na Coruña) é a “Infancia e Mocidade Refuxiada”, como non mirar cara a Gaza, cara a Ucraína, cara á fronteira sur, cara a Afganistán, Sudán, Iemen… O programa do que será a oitava edición desta cita reflexiva sobre os DDHH e o Dereito a Refuxio, unha proposta que desde 2017 celébrase anualmente na Coruña e que converte á cidade nun referente nacional do xornalismo humanitario e do compromiso na defensa dos DDHH, non deixará a ninguén indiferente. Seleccionar a que sería a imaxe do cartel anunciador de Acampa2024 foi moi fácil. O fotógrafo palestino Majdi Fathi regala o mellor resumo da desolación e a esperanza ao tempo, ao fotografar a ese neno salvando dos entullos os seus libros e cadernos, agarrándose á normalidade e ao futuro arrebatados polas bombas israelís que converteron en cascotes toda a súa vida, enterrando en apenas segundos a súa infancia.

Durante tres días, os Xardíns de Méndez Núñez serán o espazo no que se confirme de novo que A Coruña é unha cidade sensible á dor humana. Entre as relatoras convidadas, a Ministra de Juventud e Infancia do Goberno Central, Sira Rego, e a directora da UNRWA España, Raquel Martí. Tamén a enfermeira pediátrica que foi unha das responsable de actividades médicas de MSF en Gaza, Ruth Conde ou Vicente Raimundo, director de Cooperación Internacional e Acción Humanitaria de Save the Children. Todos eles falarán do que máis saben, a infancia vulnerable.

Memorial en lembranza da infancia asasinada en Gaza

Acampa pola Paz poñerá en pé un Memorial pola infancia asasinada en Gaza, unha instalación colaborativa de máis de 1000  elementos onde render homenaxe aos máis de 14.000 nenos e nenas asasinados en Gaza. Fronte a el está previsto celebrar o domingo 9, ás 12 horas, un Minuto de Silencio que, desde a mudez, berre Non máis mortos! Tamén haberá de novo o que xa é o seu sinal de identidade, un campo de persoas refuxiadas simulado que, nesta edición permitiranos entender como están actualmente centos de miles de persoas desprazadas dentro da Franxa de Gaza, sobrevivindo sen auga, sen comida e sen pertenzas baixo os ataques e o acoso permanente de Israel. Haberá visitas guiadas para público en xeral e para colexios e institutos.

Mostras fotográficas de gran formato

Ademais de Majdi Fathi, conforman a nómina de fotoperiodistas convidados Ana Palacios, Diego Ibarra, Pedro Armestre, Vincent Tremeau, Rodrigo Abd, Bruno Thevenin e Marta Moreiras. Coas súas imaxes, unha intención clara: convidar á cidadanía para reflexionar sobre eses millóns de nenos aos que se roubou o seu dereito para selo. As súas propostas expositivas, que permanecerán en Xardíns ata o 30 de xuño,  viaxan desde Gabón, Togo ou Benin á fronteira sur de España, mostran Gaza, Afganistán ou Ucraína. Trasladarán ao público á Cañada Real de Madrid, condenada á escuridade desde fai máis de catro anos, e enfrontaranlle a coma se vive a infancia se se nace cunha discapacidade en Guinea Bissau. Tamén permitirán ao observador achegarse a ese universo soñado por moitos nenas e nenos que, en metade dun conflito, pensan que desexan ser de maiores. Algúns deles, os que poidan acudir á cidade nesas datas, farán visitas guiadas polas mostras. As exposicións continuarán nos Xardíns de Méndez Núñez e o Obelisco ata o 30 de xuño.

Cinema, música e actividades paralelas

Dúas proxeccións están programadas no ACAMPA2024. O documental “M”, producido pola Deputación de Cádiz, con guión do xornalista Nicolás Castellano e a curta “Aunque es de noche”, dirixido por Guillermo García López, gañador do Goya 2024. O público asistente poderá gozar da charla entre Castellano e Ismail El Majdoubi, un dos mozos que protagoniza o documental e que hoxe, xa de adulto, preside a Asociación ExMenas. Tamén, do encontro da presidenta da Asociación Cultural Tabadol, da Cañada Real, Houda Akrikez, e Marina García, da produtora Sintagma Films que sacou adiante a curta.

Este ano, poñerán son  dos grupos “Kreze”, “A Quinta de Do”, Belém Tajes e os músicos ucraínos Anna Haidukova, Myroslava Tatarchuk, Artem Matovka, Solomia Javchuk, Ihor e Lida Popadiuk

Como en edicións anteriores, haberá ademais moitas actividades paralelas a cargo dalgunhas das organizacións membros da rede Acampa pola Paz e o Refuxio. Entre elas, un Obradoiro de Primeiros Auxilios para nenos, impartido pola ONG AIRE, un Xogo de roteiros migratorios a cargo de MSF, un contacontos a cargo da ONG Por que non? e un taller impartido por Mundo sen guerras e sen violencia.

Apoios

Facer realidade este oitavo Encontro Internacional é posible grazas ao patrocinio do Concello da Coruña coa colaboración da Universidade da Coruña, a Deputación provincial coruñesa e o Concello de Narón. Tamén ao apoio doutras entidades e empresas. Agradecer a complicidade do CIFP de Someso e de RETO, a das empresas como Tórculo Edicións e Terras Gauda, así como todo o traballo do voluntariado de rede Acampa pola Paz  sen quen, seguro, sería inviable sacalo adiante.

Comparte esta entrada