- O Movimento dos Trabalhadores Sem Terra é un dos movementos sociais máis potentes de América Latina. Leva desde 1984 defendendo o acceso da cidadanía brasileira á terra
- Se alguén encarna o concepto de activista defensor dos Dereitos Humanos ese é Nicanor Acosta. Militante antifranquista leva toda a súa vida en primeira liña dos diferentes movementos sociais xurdidos na cidade da Coruña e Galicia
De seguro non foi fácil. Calquera das candidaturas ao I Recoñecemento Internacional Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos, propostas por organizacións e particulares da rede Acampa, eran merecedoras sen dúbida algunha do noso aplauso colectivo. As votación, en cada unha das dúas categorías, segredas e abertas non só aos asociados ao movemento Acampa senón á cidadanía, decidiron que sexan o MST brasileiro, con un 22,73% dos votos, e o activista coruñés Nicanor Acosta, co 53,49%, os primeiros en recibir o Recoñecemento de Acampa, que toma forma nunha alegórica escultura da artista Pilar Subías.
Na súa primeira edición e na categoría internacional, o Recoñecemento Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos irá parar a mans do Movimento de Trabalhadores Sem Terra de Brasil. A organización Acampa confía en que, se a realidade pandémica permíteo, sexa o seu Secretario Xeral, João Pedro Stedile, quen recolla o recoñecemento na Coruña durante a celebración do V Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio que se celebrará no mes de setembro.
O MST é un dos movementos sociais máis potentes de América Latina. Leva desde 1984 defendendo o acceso da cidadanía brasileira á terra, tal e como se recolle na Constitución Federal e na Reforma Agraria incumprida, promovendo ocupacións pacíficas e impulsando estruturas cívicas e sociais funcionais nos seus campamentos ao longo de todo o país. No Brasil prevaleceu, a través da súa historia, un acceso moi desigual á terra, consecuencia directa dunha organización social e política, patrimonialista e patriarcalista na que predominou o gran latifundio como sinónimo de poder. Dada a concentración da propiedade da terra, os estratos menos favorecidos, no seu día sometidos á escravitude, posteriormente ex-escravas ou persoas libres das clases menos podentes, tiveron maiores dificultades para facerse coa terra a pesar de que a súa Constitución así o contempla.
Nicanor, o activista
É unha presenza cotiá en canta causa xusta sae á rúa na Coruña e Galicia. A voz do activista Nicanor Acosta -82 anos- sempre soa tras o altofalante da reivindicación a favor dos máis desfavorecidos. Militante antifranquista, é o impulsor das Festas pola Diversidade Cultural no barrio Agra do Orzán, do Foro Galego de Inmigración e das primeira e segunda Marcha Mundial pola Paz e a Noviolencia (2009-2010). Acampou, sempre detrás do seu altofalante, no movemento 15M e encabezou as súas manifestacións. Participou en Stop Desafiuzamentos e organizou ás persoas afectadas pola estafa das preferentes. Ademais, é o fundador da asociación ForumPropolis, cun local sempre a disposición para as reunións dos máis diversos movementos sociais, no que organiza frecuentemente mesas redondas sobre temas de actualidade. Acosta participa en Vangarda Obreira, en Acampa pola Paz e Dereito a Refuxio e noutras moitas causas.
Calquera das outras candidaturas ao I Recoñecemento Internacional Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos na súa categoría local –Ecodesarrollo Gaia, a Cociña Económica, e a tamén activista Leticia Santaballa, merecían este recoñecemento. Pero sen dúbida Nicanor Acosta tamén. Desde Acampa Coruña congratulámonos de que sexa el quen teña este primeiro aplauso cidadán posto en marcha polo movemento Acampa, por tantos anos de loita altofalante en man.
Nin Premio nin galardón. Aplauso social
“Non é un premio nin un galardón; o obxectivo é recoñecer, difundir publicamente, o seu exemplo social”, instiste o coordinador da Rede Acampa, Xosé Abad ao explicar o espírito co que naceu o Recoñecemento. “Queremos poñer en valor a todas aquelas persoas e organizacións que seguen crendo que a defensa dos Dereitos Humanos é un elemento irrenunciable e innegociable, independentemente do escenario no que nos atopemos, guerras, crise económica, crise climática ou mesmo pandemia… No sentido máis amplo e en todas as áreas en que a nosa Rede Acampa traballa: Dereitos Humanos, Dereito a Refuxio, e Defensa da Paz e o Diálogo como fórmula para a resolución das diferenzas”.