Asistimos atónitos ao masacre do pobo palestino, que de novo está nunha situación de máximo estrés. Más de dous millóns de persoas na franxa de Gaza levan días soportando intensos bombardeos que deixan reducidas a cinza as súas xa precarias condicións de vida, agora castigados sen auga, luz, alimentos, medicinas… negándoselles as necesidades máis básicas para a vida e sen posibilidade algunha de saír desa situación insoportable.

Os inxustificables ataques con vítimas civís realizados por Hamás, unha organización que nas súas orixes foi financiada por Israel segundo recoñeceu o propio Netanyahu en marzo de 2019, non poden servir de escusa para unha vinganza, nin para a práctica dunha limpeza étnica de manual sobre a poboación civil de Gaza.

Desde Acampa pola Paz e o  Dereito a Refuxio RECLAMAMOS con urxencia que os organismos internacionais e as institucións europeas esixan a Israel o cumprimento da legalidade internacional, que cese inmediatamente os bombardeos sobre a franxa e levante o asedio ao que ten sometida á poboación de Gaza.

Así mesmo, e co convencemento absoluto de que a sociedade civil pode ser protagonista na consecución de avances na defensa dos Dereitos Humanos e o respecto do Dereito Internacional Humanitario, tan aldraxados, pedimos a MOBILIZACIÓN DA CIDADANÍA para esixir ao goberno do estado español, a Pedro Sánchez como Presidente do Consello da Unión Europea e a Josep Borrell, como xefe da diplomacia europea, a súa intervención para poñer fin a esta crise humanitaria.

Por último, queremos trasladar o noso AGRADECEMENTO COLECTIVO a todas as organizacións que nestes días tan duros seguen a traballar na zona, apoiando á poboación palestina e negándose a abandonala pese a poñer en risco as súas propias vidas.                                                                                                                          A Coruña, 16 de outubro de 2023

Comparte esta entrada