- Entre o 10 de novembro e o 3 de decembro a cidade de Piraçicaba acollerá “Fome e Refugio” con charlas de expertos e exposicións fotográficas sobre as causas e as consecuencias da fame
- Entre os relatores, o pai Julio R. Lancellotti, que recollerá ademais o I Recoñecemento Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos entregado pola Rede Acampa Brasil que coordina a profesora universitaria Célia Regina Rossi
Era un dos obxectivos primixenios do Movemento Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio desde que comezou a súa andaina na Coruña en 2016. Estenderse. Multiplicarse. Chegar a distintas cidades de distintos continentes para sensibilizar, para defender os Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio. O día 10 de novembro abrirá as súas portas o I Encontro Internacional Acampa pola Paz alén do Atlántico. Será en Brasil, na cidade de Piraçicaba e é froito do esforzo da Rede Acampa Brasil que coordina a profesora universitaria Célia Regina Rossi. Así, entre o 10 de novembro e o 3 de decembro a cidadanía de Piraçicaba poderá achegarse á realidade da fame, ás súas causas e as súas consecuencias, entendela como motor máis que xustificado dos movementos migratorios de miles de persoas que, na actualidade, camiñan á procúra de refuxio.
O coordinador xeral de Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, o fotodocumentalista Xosé Abad, e a responsable de Acampa Brasil, Célia Regina Rossi serán os encargados de abrir o encontro, o xoves 10 de novembro, xornada na que se fará entrega do I Recoñecemento Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos con carácter local ao Pai Julio R. Lancellotti, pola súa protección aos sen teito e o seu compromiso vital na defensa dos máis vulnerables, e poderase escoitar de seguido a súa mensaxe. Na xornada do venres serán a Secretaria Municipal de Agricultura de Piraçicaba, Nancy Thame, o fotoperiodista Rodrigo Zaim, a refuxiada colombiana Leonor Solano González e Lucas dos Santos, da Pastoral do Menor de Piraçicaba -que traballou con mozos refuxiados da guerra de Angola- os participantes na charla, que estará moderada por Josué Adam Lazier. Unha actuación de danza afropiraçicabana completará a xornada.
Exposicións fotográficas
Como en todos os Encontros Internacionais Acampa, as exposicións fotográficas son unha das propostas principais. Expoñerán neste I Encontro Acampa Brasil Ricard García Vilanova, Lys Arango, Juan Carlos Tomasi, Javier Teniente, Pablo Tosco, Silvia Landi, Rodrigo Zaim e Fabio Lima.
Baixo o título “Fome e Refuxio”, este I Encontro Internacional Acampa pola Paz Brasil é posible grazas á complicidade da SESC, unha sociedade que traballa desde hai décadas no campo da cobertura social e a difusión cultural con intensa actividade en boa parte do país e que patrocina o encontro. Desde fai máis de vinte anos, por exemplo, xestiona o Programa Mesa Brasil, importante desde o orixe pero esencial en dar cobertura durante a crise do COVID-19 e alimentar a miles de brasileiros que quedaron sen ingresos e sen sustento durante a pandemia. Todas as actividades deste I Encontro Internacional Acampa Brasil desenvolveranse na sede do SESC en Piraçicaba, un emblemático e referente contedor cultural da cidade.