Fotos: Xosé Abad
- O documental foi estreado en primicia en “A Vida Negada”, o V Encontro Internacional Acampa pola Paz, na Coruña
- Da man da APIB ( Articulaçao dos Povos Indíxenas do Brasil) os asistentes ao cume internacional poderán coñecer a fórmula pacífica de recuperación de terras que practican as comunidades indíxenas sufrindo por iso a violencia dos gardas contratados polos latifundistas
- O traballo é o resultado da visita que o coordinador xeral da Rede Acampa fixo á Reserva Indíxena de Dourados en 2019, 3.400 hectáreas de terreo no que malviven confinados uns 17.000 persoas ndíxenas das etnias guaraní e kaiowá
O público asistente ao V Encontro Internacional Acampa pola Paz, celebrado en setembro na Coruña, tivo a oportunidade de velo en primicia. Agora serán os participantes no Cume Mundial do Clima que se está celebrando en Glasgow, Escocia, os que coñecerán o documental “Retomadas, a loita indíxena”, do fotodocumentalista, e coordinador xeral do Movemento Acampa, Xosé Abad.
Da man da APIB, organización que articula a todos os pobos indíxenas de Brasil, os participantes na COP-26 poderán achegarse á dura realidade na que sobreviven os indíxenas das etnias guaraní e kaiowá na reserva indíxena de Dourados. Apenas 3.400 hectáreas nas que están confinados, en teoría temporalmente, ao redor de 17.000 indíxenas. “A realidade é ben distinta: promesas de devolución de terras incumpridas, amontoamento, racismo e escaseza de medios, obrigados a malvivir nun páramo devastado travestido nunha xigantesca área de cultivo multiintensivo de cana de azucar e soia transxénica destinada á produción de biodiesel”, explica Abad.
A peza documenta non só esa “vida parada” dentro da reserva senón tamén a práctica pacífica e resiliente dos seus ocupantes que tentan, unha e outra vez, “retomar” as súas terras. Familias que saen da reserva e arríscanse a levantar a súa barraca nun territorio oficialmente xa entregado aos latifundistas pero que aínda se mantén improductivo. “É unha guerra desigual; os ataques por parte dos gardas de seguridade dos terratenientes repítense; atacan de noite as precarias construcións, plantándolle lume e destruíndo as chozas, deixando ademais aos indíxenas sen pertenza algunha e indocumentados. Máis nada lles para. Volven á reserva. E volven tentalo, sabedores de que o éxito non está no tempo que permanecen en liberdade senón na filosofía que subxace e alimenta esa resistencia. Retomar o que é seu, pacificamente”, nárrase no documental.
A Cume Mundial do Clima celébrase nun momento no que o planeta alcanzou case un punto de non retorno. Durante unha visita a Bolivia o pasado agosto, o presidente desta Conferencia de Nacións Unidas para o Cambio Climático, Alok Sharma, destacou o rol dos pobos indíxenas e os seus coñecementos sobre o coidado da Nai Terra. “”Os pobos indíxenas de todo o mundo teñen moito que ensinar ao resto sobre como coidar á Nai Terra e é moi importante para min que a súa voz se escóite forte e clara neste debate sobre o clima”. Ese tempo chegou. As comunidades indíxenas alertarán unha vez máis da desfeita irrecuperable da Amazonía polos intereses do agronegocio que está devastando o pulmón da Terra e acelerando un cambio climático que nos próximos anos obrigará a millóns de persoas a deixar os seus fogares e buscar refuxio. Durante estes días participarán no encontro expertos internacionais que traballan directamente na defensa do clima, os bosques e a biodiversidade brasileira e mundial e falarase de Xustiza Climática. Ese é, en definitiva, o marco no que será visualizado o documental “Retomadas, a loita indíxena”.