O 23, día da inauguración, haberá unha palestra na que participará Acampa Brasil, o SESC, a Prefectura de Acción Social, a Dirección de Ensino estatal e contarase ademáis co testemuño dunha persoa refuxiada

A mostra, que integrará imaxes das edicións dos dous Encontros Internacionais Acampa en Brasil, “Odio ou convivencia” e “Fame e Refuxio”, está especialmente dirixida aos estudantes de escolas públicas, que realizarán visitas á mesma.

A Coruña, 29 de febreiro de 2024.- Que a cidadanía reflexione. E o que é máis importante, que os cativos e os mozos empaticen cos seus iguais vulnerables, estean preto ou lonxe. Ese é o obxectivo no que Rede Acampa pola Paz Brasil leva traballando desde a súa constitución e o que en poucas semanas chegará ao Museo Pedagóxico Prudente Moraes da localidade de Piracicaba. Na súa sala de exposicións poderase ver, desde o día 23 de marzo en diante, unha ampla mostra fotográfica de varios autores, fotoperiodistas e fotodocumentalistas de peso internacional, composta polas pezas que integraron as exposicións dos dous Encontros Internacionais Acampa pola Paz en Brasil, que en 2022 e 2023 puxeron o foco na “Fame e Refuxio” e o “Odio ou convivencia”.

“É esencial conseguir a empatía dos máis novos pois deles é o futuro e serán os que poidan cambiar as cousas”, explica a coordinadora de AcampaBrasil, a profesora universitaria Célia Regina Rossi. Por iso, insiste, “chegar ao Museo Pedagóxico Prudente de Moraes é unha satisfacción, porque por alí pasarán centos de alumnos das escolas públicas en visitas á nosa mostra”.

Palestra

En coincidencia coa inauguración da mostra, o sábado 23 de marzo, haberá unha palestra no auditorio do propio museo, ás dez da mañá, na que participarán representantes do museo, de Rede Acampa Brasil, do SESC (a entidade que acolle e financia os Encontros Internacionais Acampa naquel país). Tamén estará presente na charla a Prefectura de Acción Social, a Dirección de Ensino do estado e escoitarase o testemuño dunha persoa refuxiada.

A mostra de Acampa no Museo Pedagóxico Prudente Moraes de Piracicaba permanecerá aberta ata o 30 de abril.

 

 

 

Comparte esta entrada