- Shiva, Premio Nobel Alternativo, que intervirá en liña desde a India, é unha recoñecida activista socioambiental e filósofa da ciencia, promotora dun gran número de iniciativas que abordan os problemas ecolóxicos e sociais do noso tempo
- O programa da xornada inclúe outra charla sobre “Migracións e Cultura Alimentaria” con Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, e Janaina Strozake, do MST (Movimento dos Trabalhadores Rurais sem Terra, de Brasil). Tamén a presentación do libro “A memoria do esquecemento” de Médicos Sen Fronteiras, un percorrido a través das imaxes do fotoxornalista Juan Carlos Tomasi polas crises humanitarias esquecidas; e mais a proxección do curto “O monstro invisible” dos irmáns Guillermo e Javier Fesser, que trata o tema da desnutrición infantil que sofren case 150 mil nenos e nenas no mundo, con coloquio posterior con Guillermo Fesser
A activista ecofeminista india Vandana Shiva e o xornalista e profesor Rafael Poch serán os protagonistas do acto central de mañá venres, día10, no Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio que se desenvolve estes días nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Ambos convidados centrarán as súas intervencións (19.30 horas – carpa central) na análise das causas da fame no mundo, tema da edición deste ano. O programa da xornada inclúe outras propostas, como a presentación do libro “A memoria do esquecemento” de Médicos Sen Fronteiras: un percorrido a través das imaxes do fotoxornalista Juan Carlos Tomasi polas crises humanitarias “esquecidas” que arrasan desde hai anos a países, sobre todo, de África, Asia e América Latina. Tamén xirará ao redor da inseguridade alimentaria a proxección do documental “O monstro invisible”, dos irmáns Guillermo e Javier Fesser, que aborda a desnutrición infantil.
Vandana Shiva, que intervirá en liña desde a India, é unha recoñecida activista socioambiental e filósofa da ciencia, promotora dun gran número de iniciativas que abordan os problemas ecolóxicos e sociais do noso tempo; entre outros, Navdanya, un movemento nacional para a protección da diversidade e a integridade dos seres vivos, especialmente as sementes autóctonas. Vandana Shiva, defensora do comercio xusto, combina a investigación co activismo. A revista Time nomeouna en 2003 “heroína ambiental” e Asia Week considéraa unha das sete mulleres máis poderosas do mundo. É Premio Global 500 da ONU e Premio Internacional do Día da Terra. En 1993 obtivo o chamado Premio Nobel alternativo.
Rafael Poch é xornalista e escritor. Está especializado en política internacional, Rusia, Alemaña e China. Foi durante máis de tres décadas correspondente en Moscova e Pequín. É autor de varios libros sobre Rusia e China e foi profesor de Relacións Internacionais na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e a UNED. “A invasión de Ucraína” é unha das súas últimas publicacións. A mesa estará moderada polo xornalista Guillermo Fesser (Gomaespuma e El Intermedio).
“Migracións e Cultura Alimentaria” é o título doutra charla que terá lugar ás 11 horas no Quiosco Alfonso e que correrá a cargo de Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego desde 2012 e activista destacada en traballos en Vía Campesiña a nivel europeo e mundial, e mais a representante do MST (Movimento dos Trabalhadores Rurais sem Terra, de Brasil), Janaina Strozake, historiadora e investigadora en temas de Reforma Agraria, soberanía alimentaria e conflito entre vida e capital.
“O monstro invisible” e coloquio con Fesser
Na presentación do libro “A memoria do esquecemento” (13 horas – carpa central) estará Juan Carlos Tomasi, o fotógrafo que asina as imaxes da publicación editada para conmemorar o 50 aniversario da ONG Médicos Sen Fronteiras, ao que acompañará a tamén fotoxornalista Anna Surinyach, editora gráfica da Revista 5W. A proxección do curto “O monstro invisible” será ás 18 horas, na carpa central, e irá seguida dun coloquio con Guillermo Fesser. O audiovisual é unha chamada de atención sobre o problema da desnutrición infantil que afecta a máis de 149 millóns menores en todo o mundo. Está protagonizado por Aminodin e Alimán, dous nenos filipinos que, a pesar de traballar nun vertedoiro ou vivir nun campo de desprazados, non perden o sorriso.
O programa da segunda xornada do Encontro Internacional inclúe tamén unha visita guiada á exposición fotográfica Globesity, ás 16.30 horas, da man da súa autora, a fotógrafa documental italiana Silvia Landi, que mira cara á obesidade.
As visitas guiadas polo campo de interpretación da fame, a instalación ao redor da que se desenvolven todas as actividades deste Acampa 2022, serán ás 11.30 e 16.30 horas, da man de Marga González, de Amnistía Internacional Galicia.