Foto: Juan Carlos Tomasi
- A mostra é un dos piares do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz “Fame e Refuxio”
- Un total de sete prestixiosos fotoxornalistas, entre os que figuran Juan Carlos Tomasi, Ricard García Vilanova, Javier Teniente e Pablo Tosco, asinan as imaxes en gran formato que se exhibirán ao aire libre nos Xardíns de Méndez Núñez. Ilustrarán o tema da edición do Encontro deste ano, a pandemia da fame, que afecta a 881 millóns de seres humanos no mundo, segundo as Nacions Unidas
O centro de A Coruña volverá acoller este verán, entre o 9 de xuño e o 7 de xullo, unha das exposicións colectivas de fotografía humanitaria máis importantes que se poden contemplar en España. Será no marco do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz “Fame e Refuxio”. Prestixiosos fotoxornalistas asinan máis dun centenar de imaxes en gran formato que se exhibirán ao aire libre nos Cantóns e Xardíns de Méndez Núñez. A fotografía é un dos ingredientes principais desta cita anual que converte á cidade coruñesa durante tres días, co apoio do Concello, a Deputación e a Universidade, nun foro de reflexión e debate sobre a situación das persoas migrantes e refuxiadas e a defensa dos Dereitos Humanos. As imaxes ilustrarán o tema desta sexta edición: a pandemia da fame, que afecta a 881 millóns de seres humanos no mundo (segundo a ONU) e que está presente na orixe da maioría dos desprazamentos humanos forzosos.
A mostra fotográfica exhibirá o traballo de oito fotoxornalistas, entre os que figuran nomes como os de Juan Carlos Tomasi, Ricard García Vilanova, Olmo Calvo ou o galego Javier Teniente que ostentan algún dos máis prestixiosos premios de Fotografía como o World Press Photo ou o Premio Internacional Luís Valtueña de fotografía humanitaria. As súas imaxes, tomadas nos lugares máis castigados do planeta por guerras, secas, desastres naturais ou o espolio de recursos, mostrarán os efectos da escaseza alimentaria e a súa consecuencia principal, a desnutrición en todos os seus graos, que sofren as poboacións de países de África, América Latina ou Asia, aínda que tamén sectores da poboación do primeiro mundo afectados pola crecente desigualdade.
“A memoria do esquecemento”, de Juan Carlos Tomasi, fotógrafo que leva 25 anos acompañando á ONG Médicos Sen Fronteiras nos seus desprazamentos humanitarios por todo o mundo, será unha viaxe a eses países “esquecidos”, onde a crise alimentaria, a fame, é xa crónica. Falamos de Somalia, Sudán do Sur, Etiopía ou Afganistán. “Guerra e fame”, do fotoxornalista especializado en zonas de conflito e crise humanitarias Ricard García Vilanova, achegará aos visitantes da exposición a situación de fame que sempre acompaña a todos os conflitos armados. Da man do fotógrafo arxentino, fincado en Barcelona, Pablo Tosco, que asina a mostra “Sen refuxio para a fame”, veremos a realidade dun deses países no que conflúen o esquecemento do mundo e a guerra sen fin, Iemen, onde a desnutrición crónica e a fame negra son unha realidade desde hai tempo.
O fotógrafo galego Javier Teniente mostrará con “Terra Seca” un resumo do seu percorrido, no ano 2021, polo corredor seco de Guatemala ata a fronteira de México, para documentar como a pobreza, a violencia e a desertificación provocada polo cambio climático conminan a miles de persoas centroamericanas a unha viaxe desesperada cara aos Estados Unidos. Sen saír do continente americano, as imaxes do fotógrafo brasileiro, Rodrigo Zaim, “Brasil, país da fame”, reflectirán a pobreza e a escaseza alimentaria que sofren millóns dos seus compatriotas.
“Ata que o millo volva crecer”, de fotoxornalista madrileña, Lys Arango, achegaranos a desnutrición crónica en Guatemala por mor do cambio climático, que está a destruir as colleitas de centos de miles de pequenos agricultores, alimentando unha crise humana e creando un novo patrón de migracion. Un de cada dous menores sofre nese país desnutrición aguda, que na rexión chaman “asasino silencioso”, a cifra máis alta de toda América Latina . Completará a exposición “ Globesity”, da fotodocumentalista italiana, Silvia Landi, que aborda o tema da obesidade, outra das caras da escaseza alimentaria, relacionada coa desigualdade en todas as sociedades, especialmente nas máis desenvolvidas.