Foto V.Casteleiro
- O compromiso da firma de Comunicación Gráfica co Movemento Acampa e o que este defende mantense
- A cita baixo o lema “Fame e Refuxio” que acollerá a cidade entre o 9 e o 11 de xuño, será posible grazas ao financiamento do Concello coruñés, o apoio da Deputación Provincial e a Universidade coruñesas e outros patrocinios e colaboracións
Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio segue sumando apoios. Un ano máis, a empresa de Comunicación Gráfica Tórculo, unha das máis prestixiosas do sector da Comunicación Gráfica en Galicia, mantén e reforza a súa colaboración para facer posible o VI Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio que, entre o 9 e o 11 de xuño, reflexionará na Coruña sobre a realidade da fame no mundo.
Esta proposta cultural e concienciadora, que durante uns días converte á cidade da Coruña nun porto refuxio dos Dereitos Humanos, é posible grazas ao financiamento do Concello coruñés e o apoio da Deputación provincial e a Universidade coruñesas. Ademais de Tórculo, conta tamén con outros patrocinios e colaboracións: La Opinión da Coruña e Radio Coruña-Cadena Ser, así como Hoteis Zenit e a adega Terras Gauda.
Unha rede transversal con máis de 70 organizacións e colectivos
O movemento Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio naceu na cidade da Coruña en 2016. Actualmente funcionan xa redes Acampa en Madrid, Brasil e Portugal. Trátase dun movemento sen fins de lucro, cuxo obxectivo é defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte máis de setenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, oenegués e organizacións de defensa dos Dereitos Humanos. Tamén partidos políticos, organizacións sindicais, institucións e empresas con responsabilidade social, xunto con particulares.
Desde o 2017 a Rede Acampa organiza anualmente un Encontro Internacional cun eixo central de actualidade relacionado cos desprazamentos forzosos de persoas no mundo. Nesta sexta edición abordarase a realidade da fame que arrasa a 811 millóns de persoas no planeta. Ao redor dun campo de interpretación que se monta nos Xardíns de Méndez Núñez, balizado por diversas exposicións fotográficas de imaxes a gran formato dos máis destacados fotoperiodistas, organízanse durante tres días (do 9 ao 11 de xuño) unha serie de conferencias e mesas redondas coa presenza de especialistas e activistas internacionais para analizar desde todas as arestas as causas da fame e as súas consecuencias. Proxeccións audiovisuais, presentacións de libros, actividades concienciadoras, obradoiros… poñerán o foco na pandemia da fame da que toda a sociedade é responsable. Un programa ben amplo que se ultima estes días e será presentado oficialmente en pouco tempo.