- Distintas agrupacións musicais de alumnos do citado centro ofrecerán un concerto ás 12.30 horas, como antesala do que será o Encontro Internacional que dará comezo o xoves ás 10.30 horas
- Baixo o lema “Fame e Refuxio” a cidade acollerá entre o 9 e o 11 de xuño a sexta edición do Encontro Internacional, unha proposta reflexiva que será posible grazas ao financiamento do Concello coruñés, o apoio da Deputación Provincial e a Universidade coruñesa xunto con outros patrocinios e colaboracións. Exposicións fotográficas, charlas con especialistas e activistas internacionais, proxeccións cinematográficas e unha infinidade de actividades máis conforman o programa desta cita ineludible coa defensa dos Dereitos Humanos
Hai algo mellor que empezar con música? A Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio segue sumando apoios. Nesta ocasión é a Escola Municipal de Música da Coruña a que achega o seu gran de area á cita internacional que por sexto ano converterá á cidade nun porto refuxio dos Dereitos Humanos.
A catro días vista de que o VI Encontro Internacional Acampa pola Paz sexa inaugurado, a Escola de Música -pola que pasaron ao longo destes anos miles de coruñeses- ofrecerá este domingo, ás 12.30 horas, un concerto nos Xardíns de Méndez Núñez, no emblemático Palco da Música. A esa hora actuarán varias das agrupacións musicais de Moderna e Latina conformadas por alumnos da citada Escola Municipal.
“Refuxio e Vivenda”, actividade de sensibilización da OCV
Outra das actividades que se incorporan ao programa do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz é a que desenvolverá o primeiro día do encontro, 9 de xuño, a Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña, institución que vén colaborando coa Rede Acampa neste evento anual desde fai varias edicións. Nesta ocasión, a OCV desenvolverá unha actividade de sensibilización baixo o lema “Refuxio e Vivenda”. Será entre as 12 e as 14 horas do xoves, nos Xardíns de Méndez Núñez.
O Voluntariado da UDC tratará de sensibilizar á poboación sobre os distintos conflitos esquecidos aínda que activos en todo o mundo, e sobre como as persoas que foxen deses conflitos deben solicitar refuxio noutros países nos que, con frecuencia ven vulnerados os seus dereitos, principalmente o do acceso á vivenda.