• O FSM, que se celebra estes días en México de forma virtual por mor da pandemia do coronavirus, é un movemento global non gobernamental, xurdido hai 20 anos en contraposición ao Foro Económico de Davos, para poñer a énfase nos asuntos de índole social e humano fronte aos exclusivamente económicos
  • A Rede Internacional Acampa pola  Paz e o Dereito a Refuxio tamén presenta no FSM o vídeo “Territorio espoliado. Pobos Indíxenas no Brasil” que retrata, a través de fotografías e testemuños sonoros, as consecuencias do agronegocio para as comunidades indíxenas dos estados de Mato Grosso do Sul e Baía

A mostra ESPOLIO, elemento central do Encontro Internacional 2020 de Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, na Coruña, será proxectada, na súa versión dixital, no FORO SOCIAL MUNDIAL (FSM) 2021, que se desenvolve desde o pasado sábado, día 23 de xaneiro e ata o domingo 31, en México, de forma virtual debido ás restricións derivadas da Covid-19. O Foro será tamén escenario da estrea do audiovisual Territorio Espoliado. Pobos indíxenas no Brasil, elaborado pola rede Acampa dese país, que documenta, a través de imaxes e testemuños sonoros, as consecuencias do agronegocio para as comunidades indíxenas brasileiras. O FSM xurdiu hai agora 20 anos como contrapeso ao Foro Económico de Davos coa finalidade de opoñer ao protagonismo do capital, a abordaxe das cuestións sociais, ambientais e humanitarias.

A primeira das proxeccións terá lugar mañá xoves 28, ás 16.15 horas de Brasil e 20.15 de España, e será presentada pola coordinadora Da Rede Internacional Acampa en Brasil, Célia Regina Rossi. Todos os participantes no Foro poderán visualizar a exposición fotográfica Espolio e Dereito a Refuxio, unha xanela a distintos escenarios do planeta onde o saqueo de recursos naturais por parte de compañías estranxeiras e case sempre co apoio de pequenas elites do propio país, xera sufrimento humano e danos ambientais irreparables. Ademais das consecuencias para o medio ambiente e a perda de biodiversidade, estas prácticas capitalistas afectan a centenares de comunidades locais que  se ven condenadas á pobreza extrema e ao desprazamento forzoso pola desaparición dos seus territorios e os seus recursos vitais. Trátase da versión virtual da mostra exposta na cidade da Coruña entre os meses de novembro e decembro. Imaxes de gran formato, asinadas por destacados fotoxornalistas nacionais e internacionais, que reflicten o espolio e as súas consecuencias en lugares como Nixeria, a República Democrática do Congo, Colombia, Brasil, Arxentina ou o Sáhara Occidental.

Territorio espoliado

O venres 29, ás 16 hora de Brasil e as 20 hora española, será a quenda da proxección do audiovisual Territorio expoliado. Pobos indíxenas no Brasil que achegará aos participantes do FSM á situación social e humana das comunidades indíxenas dos estado brasileiros de Mato Grosso do Sul e Baía, cuxos territorios ancestrais foron practicamente devastados polo agronegocio. O contido será presentado pola fotógrafa brasileira Clara Belchior e por Celia Regina Rossi, e discorrerá polas imaxes da propia Clara Belchior, da fotógrafa italiana Chiara Tedeschi e do fotodocumentalista e coordinador de Acampa Galicia, Xosé Abad.

O cultivo a gran escala de produtos como a soia ou a cana de azucre e a gandeiría intensiva por parte duns poucos grandes terratenientes expulsou das súas terras á maioría das poboacións orixinarias desta área do país. Estas vense obrigadas a vivir en pequenas e acoutadas reservas sen recursos nin acceso á mínima cantidade de terra para subsistir. O achegamento á crúa realidade destas comunidades será a través dos testemuños en primeira persoa de membros das comunidades afectadas e de imaxes fotográficas. O audiovisual reflicte, entre outros aspectos, as denominadas “retomadas”, intentos das familias indíxenas de recuperar pequenos anacos das súas terras, topándose sempre no intento, nun pulso desigual, coa represión normalmente violenta dos membros armados dos servizos de seguridade dos donos das plantacións.

Foro Social Mundial

O Foro Social Mundial é un encontro para o intercambio de ideas, propostas e experiencias entre entidades e movementos da sociedade civil opostos aos ditados do neoliberalismo e ao dominio do capital, que apostan por “unha globalización diferente”. Este Foro, que acuñou a emblemática frase “outro mundo é posible”, naceu en 2001, na cidade brasileira de Porto Alegre, da man de organizacións e movementos sociais e en contraposición ao Foro Económico Mundial, que se celebra desde 1971, na cidade suíza de Davos. As primeiras edicións anuais desenvolvéronse na mesma cidade, pero desde o ano 2005, estas e outros eventos temáticos do movemento rotan por países de todo o mundo, entre eles España, que foi sede nos anos 2006 e 2008. O encontro 2021 que se desenvolve esta semana en México está marcado polo difícil contexto internacional actual no que a pandemia do coronavirus veu a complicar máis o escenario de crise económica, climática e democrática que xa vivía o planeta.

Comparte esta entrada