- Profesora na Universidade Federal Santa Catarina, é antropóloga social experta en cultura indíxena
- Joziléia Daniza Jagso Inácio Jacobsen adopta o nome da súa comunidade, os Kaingang, como apelido para difundir o acoso e a persecución que sofren por defender o seu territorio e a súa forma de vida.
Os asistentes ao AcampaCoruña 2020 (11,12 e 13 de xuño) poderán coñecer de primeira man o acoso que sofren na actualidade as comunidades indíxenas brasileiras por causa da avaricia espoliadora dunhas terras tradicionalmente súas. A explotación madeireira intensiva da Amazonía, e a deforestación subseguinte, que permite dispoñer de extensísimas superficies para a gandeiría, o cultivo da soia transxénica ou o azucre de cana (destinados á produción de biodiesel) están a cercar e conducindo ao exterminio ás comunidades indíxenas e a súa cultura. Esa realidade será a que nos achegue a lideresa indíxena Joziléia Kaigang, profesora universitaria experta en antropoloxía social e cultura indíxena que, como outras moitas lideresas e defensoras da terra e a cultura das súas comunidades, están a sufrir a presión do Goberno de Bolsonaro, a quen a súa militancia e a difusión desa realidade polo mundo incomoda fondamente.
Joziléia foi a primeira estudante indíxena do Programa de Posgrao en Antropoloxía Social da UFSC. Natural da terra indíxena de Guarita, no interior do Rio Grande do Sul, é experta na loita que as mulleres kaingang iniciaron a partir dos anos 60 en defensa da terra e os dereitos, e tamén en como o movemento indíxena conseguiuse articular moito antes da chegada da internet, o teléfono e o diñeiro, e antes de que os seus Dereitos, polo menos sobre o papel, fosen recollidos na Constitución de 1988.
Os kaingang, etnia á que pertence, é un pobo agricultor que migraba entre aldeas en función das épocas de pesca, de caza, ou de recollida dos alimentos silvestres base da súa alimentación. Habitan desde o sur de Sao Paulo ata o Río Grande do Sul, lonxe das zonas de litoral, tradicionalmente ocupadas por indíxenas doutra etnia, os guaranís. O kaingang é o terceiro maior pobo indíxena de Brasil, integrado por arredor de 37.000 persoas segundo o censo do 2010, aínda que nese conteo non constan os que xa habitan en áreas urbanas polo que a cifra podería elevarse ata os 40.000.
Unha lingua en perigo de extinción
Uno dos valores en risco polo acoso a esta comunidade é a súa lingua. O kaingang, actualmente falado xa só pola metade do total dese colectivo, está en perigo de extinción segundo recoñéceo a propia UNESCO. Por iso, o curso de licenciatura indíxena da Universidade Federal de Santa Catarina traballa na súa preservación e ensino.
Por cuarto ano consecutivo, o centro da cidade da Coruña volverá ser un espazo de denuncia da situación das persoas refuxiadas e migrantes e as causas que as empuxan a fuxir dos seus fogares e países. Unha chamada de atención hoxe máis necesaria que nunca diante do que está a pasar, por exemplo, nas fronteiras europeas. Haberá exposicións fotográficas en todas as salas municipais, presenza de activistas de recoñecido prestixio e todo tipo de actividades paralelas para visibilizar o tema da edición, o espolio de recursos. Como cada ano, todas estas actividades virarán arredor dun escenario simbólico, instalado nos céntricos Xardíns de Méndez Núñez, que reproducirá as condicións nas que viven aqueles que acaban tendo que fuxir en busca dun teito baixo o que vivir en paz.