• Desde o Movemento pídese unha condena tallante por parte do Goberno español contra estas accións de violencia sistemática que padecen desde hai anos esta e outras lideresas da causa saharauí e defensoras dos Dereitos Humanos nos territorios ocupados do Sahara Occidental
  • A última das accións de acoso que sufriu Jaya tivo lugar na madrugada do domingo, 5 de decembro, no domicilio familiar da activista, na cidade saharauí de Boujador. Axentes policiais asaltaron a vivenda pola forza e unha vez dentro someteron a todo tipo de vexacións, golpes, torturas, violacións e ultraxes tanto a Sultana como á súa irmá e á súa nai. O ataque foi dunha brutalidade extrema e incluíu desde a administración de líquidos químicos por boca e nariz e mesmo intravenosos para reducir a resistencia das tres mulleres, ata agresións sexuais coas mans tanto vaxinais como anais, acompañadas de golpes brutais nos peitos e o resto do corpo. Outras activistas saharauís como Aminatou Haidar tamén sufriron agresións por parte de soldados marroquís cando protestaban no Aaiun polo ataque a Sultana Jaya

A Rede Acampa por Paz e o Dereito a Refuxio condena enerxicamente o brutal ataque sufrido este pasado domingo, 5 de decembro, pola activista saharauí Sultana Jaya e a súa familia, na vivenda que habitan na cidade de Boujador, nos territorios ocupados por Marrocos do Sahara Occidental. Axentes da policía marroquí irromperon de madrugada na casa e someteron tanto á defensora dos Dereitos Humanos, vítima de acoso e violencia sistemática, como á súa irmá e á súa anciá nai a todo tipo de ataques químicos, vexacións, agresións físicas e agresións sexuais. Este último ataque alcanzou un grao de crueldade máximo. Os atacantes administraron ás tres mulleres substancias químicas que lles obrigaron a inhalar, tamén por vía intravenosa na caso de Jaya, para reducir a súa resistencia. A partir de aí a brutalidade foi en aumento ata deixar ás vítimas gravemente afectadas.

Desde Acampa pola Paz reclámase ao Goberno español, especialmente, e tamén á comunidade internacional, que condene abertamente e sen paliativos este terrible ataque á activista e a outras defensoras da causa do pobo saharauí. Non é de recibo que as autoridades do noso país permanezan impasibles ante estas flagrantes violacións dos Dereitos Humanos e a violencia diaria ao descuberto na antiga colonia española, ocupada ilegalmente por Marrocos desde hai máis de 40 anos.

A crueldade deste último ataque contra a valente Sultana Haya pon de relevo a impunidade coa que actúa o Reino alauí. O silencio de España é unha forma de complicidade con Marrocos nesta represión e todo apunta a que obedece a intereses económicos das grandes empresas españolas e geoestratégicos entre os que está o control da inmigración. A narración do ataque do pasado domingo no domicilio familiar da activista é arrepíante. Os axentes entraron violentamente e comezaron por administrar descoñecidas substancia químicas que paralizaron ás tres mulleres. A partir de aí, foi todo un rosario de torturas. Empezaron golpeándoas en todo o corpo, mesmo á muller maior, a nai da Jaya, e posteriormente agrediron sexualmente cos dedos tanto vaxinal como analmente a Sultana e á súa irmá, á vez que lle propinaban fortes golpes nos seos.

A violencia non terminou aí. Militares marroquís tamén agrediron a un grupo de mulleres, entre as que se atopaba a tamén activistas Aminatou Haidar, candidata en varias ocasións ao Premio Nobel, que protestaban con bandeiras saharauís no Aaiun ocupado o día que se produciu a agresión a Sultana Jaya e a súa familia. Este foi o último, pero non o único. Son incontables os ataques violentos e agresións sexuais que leva sufrindo durante os últimos anos esta defensora saharauí dos Dereitos Humanos.

Comparte esta entrada