- As comunidades indíxenas guatemaltecas levan décadas enfrontándose ao roubo dos seus recursos e as súas terras. Durante o conflito armado e en tempos de paz. Os protagonistas da esquilmación variaron ao longo dos anos pero o dano sobre o seu territorio ancestral vai crecendo. A propiedade e o uso das súas terras e a auga dos seus ríos están permanentemente ameazadas.
- Conducido por Xurxo Souto, contará coa participación do doutor en Ciencias Políticas e Relacións Internacionais Pablo José Martínez Osés e do avogado experto na defensa dos dereitos indíxenas Juan Carlos Peláez Villalobos
Guatemala é un dos países de América Latina máis esquilmados. Así o corrobora a traxectoria profesional do avogado e notario Juan Carlos Peláez Villalobos, un dos convidados ao encontro virtual sobre Espolio enmarcado no IV Encontro Internacional Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio que se celebrará este xoves ás 19.30 horas. Conducido polo músico e escritor Xurxo Souto, este foro en liña organizouse en colaboración coa OCV (Oficina de Cooperación e Voluntariado) da Universidade da Coruña e a oenegué Ecos do Sur e contará tamén coa presenza do doutor en Ciencias Políticas e Relacións Internacionais Pablo José Martínez Osés, profesor asociado na Universidade Autónoma e na Universidade Carlos III de Madrid e membro do colectivo “La Mundial”.
A realidade de Guatemala, coas comunidades indíxenas perseguidas na súa defensa do territorio fronte ao espolio ten moito que ver co noso país. Non en balde, son empresas “marca España” as que desecaron os seus ríos coa construción de minicentrais hidroeléctricas (por exemplo Cobra, do grupo ACS de Florentino Pérez, construíu as plantas de Renace que operan no leito do río Cahabón) deixando a estes pobos sen hábitat e sen recursos de supervivencia. Vímolo estes días. O dano agrávase coa chegada dos furacáns. As empresas soltan a auga retida asolagando vivendas, campos de cultivo e reservas de semente de moitas comunidades indíxenas no alto Verapaz.
Peláez Villalobos leva máis dun cuarto de século defendendo a tenencia de terras das comunidades campesiñas e indíxenas guatemaltecas e esixindo xudicialmente o recoñecemento e a aplicación das leis nacionais e internacionais en materia de Dereitos Colectivos dos Pobos Indíxenas Mayas- Qéqchi’ fronte a industrias extractivas de aceite de palma ( Naturaceites e Olmeca), ou empresas extractivas mineiras e petroleiras. Tamén se enfrontou ao Estado na defensa da identidade cultural e da forma de organización ancestral dos indíxenas. Entre os seus traballos, destacar a peritaxe realizada sobre “Tenencia da terra como causa da violencia sexual e tratos inhumanos contra mulleres do pobo maya- qéqchi’ durante o conflito armado.
O doutor en Ciencias Políticas e Relacións Internacionais Pablo José Martínez Osés é sen dúbida outro dos expertos na materia. Profesor asociado na Universidade Autónoma e na Universidade Carlos III de Madrid e membro do colectivo “A Mundial”, Martínez Osés é especialista en Cooperación, responsable de incidencia política e campañas na CONGDE e coordinador da campaña “Pobreza Cero”.
O encontro discorrerá entre as 19.30 e as 21.00 hora española (12.30 Guatemala, 15.30 Brasil e 18.30 Portugal) e poderá ser seguido a través da canle de Acampa en youtube, no link https://www.youtube.com/watch?v=Kh8Kp–1BV4 . Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, rede nada na Coruña en 2016, con ramificacións xa en Madrid, Brasil e xestándose en Portugal, é un movemento sen fins de lucro cuxo obxectivo é defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte xa sesenta e seis colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais e oenegués.