- A decisión do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos é intolerable e representa un novo e gravísimo retroceso
- O movimento convida a todas as organizacións que defenden os Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio no país a perxeñar una acción conxunta e contundente que esixa o cambio na deriva da política migratoria europea.
O movimento Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio pide ao Goberno de España que desatenda a sentenza que onte emitiu o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos sobre a devolución en quente de dous migrantes e que virou cento ointenta graos o criterio dun fallo xudicial previo, para defender sen ambaxes esta práctica inhumana. A organización solicita que se deixen de vulnerar os dereitos das persoas que se xogan a vida para pedir refuxio, atravesando o mar ou no valo, e que se cumpra o que marca a Constitución, garantíndose os Dereitos Humanos.
Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio considera oportuno lembrar que estas persoas que foxen da morte segura, miles, non poden iniciar nunha oficina de inmigración, nun consulado… os trámites necesarios para solicitar regradamente o asilo. Non ter iso en conta é descoñecer a durísima realidade que chega ás nosas costas.
Dar pulo á ultradereita
O contido da sentenza do TEDH é dobremente preocupante porque ampara e da pulo ás voces da ultradereita que xa berran con forza en toda Europa sen necesidade de que un organismo xudicial tan significativo coma o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos lles reforce. Cando de cara á galería, en toda Europa, verbalízase a preocupación polo aumento dos movimentos de ultradereita e da xenofobia, qué sentido ten que unha instancia como o TEDH, teóricamente o máximo organismo protector frente aos abusos, sume a súa voz a esa algarada? pregúntase Acampa pola Paz.
A rede Acampa convida a todas as organizacións, asociacións e colectivos que traballan na defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio a nivel nacional a perxeñar unha acción conxunta, contundente, na defensa destes millóns de persoas que chaman na fronteira, para que cambien as políticas migratorias que enchen de mortos o Mediterráneo e de persoas feridas, abandonadas e maltratadas institucionalmente nos valos.
Foto: Sergi Cámara