- A programación da xornada inclúe tamén a charla da dirixente do MST brasileiro, Marina dos Santos, e do xornalista experto en migracións e crises humanitarias, Nicolás Castellano
- Recibirán a peza que simboliza este Recoñecemento, creada pola escultora Pilar Subías, o MST de Brasil, organización sobre a que recaeu na súa versión internacional e o incombustible activista coruñés Nicanor Acosta, destinatario del na categoría local.
- No programa da última xornada de Acampa 2021 “A Vida Negada” hai todo un abanico de propostas, entre elas, unha visita guiada coa fotoxornalista Judith Prat á súa exposición “ Matria”, proxeccións audiovisuais como “ Azur e Asmar” e “Mujeres saharauís, o piar da vida”, a obra de teatro “Atrapadas”, sobre a situación das mulleres sirias refuxiadas e actuacións musicais como as de A Bule Quartet e Richi Casás. O acto de clausura (20.30 horas) estará conducido pola actriz galega, Isabel Naveira.
O V Encontro Internacional “A Vida Negada” que se celebra na Coruña é o marco elixido pola Rede Acampa para entregar os seus primeiros Recoñecementos á Defensa dos Dereitos Humanos. Mañá sábado, ás 12.30 horas, no escenario da carpa central, recollerá a escultura (obra de Pilar Subías) que simboliza este recoñecemento, Marina dos Santos, membro da dirección nacional do Movimento de Trabalhadores Ruráis sem Terra ( MST) de Brasil, organización na que recaeu a versión internacional. Tamén o fará o veterano e incansable activista coruñés, Nicanor Acosta, destinatario del na categoría local.
Dos Santos será, ademais, unha das protagonistas da charla desta última xornada do Encontro Internacional. Falará da labor de recuperación de terras que realiza o MST para o campesiñado do seu país. Compartirá mesa co xornalista especializado en desprazamentos forzosos e desastres humanitarios Nicolás Castellano, testemuña directa das principais “crises migratorias” que enfronta o mundo, sobre todo na Unión Europea e en España (Lesbos, Lampedusa, Canarias ou Ceuta). O coloquio, ás sete da tarde, será moderado pola xornalista de Radio Voz, Loreto Silvoso. Poderá seguirse en directo a través de https://www.youtube.com/watch?v=vef-cYYcRo8&authuser=0
O MST brasileiro é un dos movementos sociais máis potentes de América Latina. Leva desde os anos setenta defendendo o acceso dos e das brasileiras á terra, tal e como recolle a Constitución Federal e a Reforma Agraria incumprida. Promove ocupacións pacíficas (rurais e urbanas), impulsando ao redor delas estruturas cívicas e sociais funcionais, “acampamentos”, ao longo de todo o país. Nicanor Acosta é unha presenza cotiá en canta causa xusta sae á rúa na Coruña e Galicia. A voz do activista -82 anos- sempre soa tras o altofalante de toda reivindicación a favor dos máis desfavorecidos. O acto de entrega dos Recoñecementos contará coa actuación musical de A Bule Quartet (Xosé Taboada, Frankie Lafuente, Sapo e Antonio Yañez).
O programa da última xornada do Encontro Internacional Acampa pola Paz inclúe outras moitas propostas. Ademais dunha visita guiada (11.30 horas) ao campo simulado, ao longo da mañá haberá tamén xogos de mesa no Kiosco Alfonso (11/ 12.30 horas), que da man de Amnistía Internacional visibilizan a situación das persoas refuxiadas no mundo, ou a proxección de cinema infantil “ Azur e Asmar” (12.30, tamén no Kiosco Alfonso), que organiza a ONG Aire. Na caseta de Greenpeace, unha mostra de carteis percorre o espolio de recursos no continente africano, unha das causas principais da migración que chega as nosas costas na procura de futuro.
“Matria” de Judith Prat
O colofón da mañá será unha visita guiada coa fotoxornalista Judith Prat pola súa exposición “Matria”, un relato visual da situación do campesiñado no mundo e un berro de alerta diante as agresións que sofre a “nai terra” por mor dos intereses transnacionais da agroindustria ou a gran minería, e contra as violacións dos Dereitos Humanos que esta explotación intensiva xera. É, ademais, unha homenaxe á muller campesiña, alma mater da agricultura familiar que, en toda a xeografía do planeta, garante a seguridade e a soberanía alimentaria.
As actividades da tarde comezarán ás 16 horas (carpa central) coa posta en escena, da peza teatral “Atrapadas”, de Maquinaria Teatro. As actrices ferrolás Eugenia Sanmartín e Helga Méndez póñense na pel de mulleres sirias refuxiadas no Pireo. A obra está escrita a partir de testemuños reais e ten como finalidade visibilizar a situación das mulleres refuxiadas vítimas dunha dobre violencia: a que sofren as persoas desprazadas fuxindo dunha guerra e a de xénero. No mesmo escenario, ás 18 horas, os fotógrafos Javier Corso, Xosé Abad e Judith Prat falarán en “Unha foto, unha historia” do drama humano que hai detrás dunha das imaxes das súas exposicións, tres das sete que balizan Os Cantóns. Poderá seguirse na ligazón, https://www.youtube.com/watch?v=viPRTtKCbts
Unha hora antes, ás 17 horas, haberá tamén unha visita guiada á exposición “Refuxiadas na saúde”, no palco da música (Xardíns), e a proxección do documental “Mujeres saharauís, el pilar de la vida. Hunna Raquizat Alhayat”, realizados pola creadora galega Eva Neira Carballo para Médicos do Mundo ( MdM). Ambas propostas abordan o papel das mulleres como “piar da vida” nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís do deserto de Alxeria.
Todas estas actividades poñerán fin a Acampa 2021 “A Vida Negada”. O acto de clausura da edición será conducido, a partir das 20.30 horas, pola actriz galega de series tan coñecidas como “Mareas Vivas”, “Vis a Vis”, “Fariña” ou “Las chicas del cable”, Isabel Naveira. Contará coa actuación musical do saxofonista Richi Casás. Nunha asemblea que terá lugar tamén pola tarde, a rede Acampa decidirá o tema central da edición do Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio 2022.