• A fronte dos Xardíns de Méndez Núñez énchese de imaxes de destacados fotoxornalistas que prestan a súa mirada para que os cidadáns reflexionen sobre como uns poucos rapinan a riqueza de millóns de persoas
  • A mostra poderase visitar tamén de maneira virtual a través da web da Rede Acampa ou da plataforma www.peopleartfactory.com

Nos tempos do COVID-19, iniciativas como as da Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio son, se cabe, máis necesarias que nunca. Así o expresou, en nome da organización, Marga González, coordinadora en Galicia do equipo de Educación de Amnistía Internacional (unha das organizacións que forman parte da extensa rede Acampa) durante o acto inaugural da cuarta edición do Encontro Internacional que contou coa presenza do reitor da Universidade de A Coruña, Xulio Abalde.

O máximo responsable da universidade coruñesa resaltou a obriga que supon para unha institución como a que dirixe alentar iniciativas como Acampa, que contou co apoio da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UdC dende o minuto ún. Abalde incidiu en que “en tempos de pandemia, en que asistimos moi preto ás exclusións e á perda de dereitos, esa realidade multiplícase e agrávase nos países menos desenvolvidos”. Por iso “é moi importante que os medios e a sociedade teñan presente que seguen a existir, e estanse a agravar, moitas situacións de espolio que deixan fora a millóns de habitantes”. “A aposta pola transición ecolóxica e a economía circular ten que chegar a eses espazos e temos que ser capaces de que os principios básicos de xustiza social e redistribución da riqueza cheguen a eles”. “Non podemos deixar que a pandemia sexa outra diferenza máis, outra fonte de separación entre o primeiro e o terceiro mundo”, concluíu.

A portavoz de Acampa recordou que a chegada do virus trastocouno todo, e fixo que a Rede Acampa, integrada por máis de 60 organizacións que traballan no ámbito social e por centos de cidadans comprometidos, tivera que buscar unha fórmula nova para traer a súa proposta a Coruña. Iso e Espolio, unha exposición urbana nos Xardíns, da man dun bo número de destacados fotoxornalistas, que representa unha clara denuncia sobre a barbarie cotiá en moitos escenarios de espolio no mundo.  O destrozo do delta do Níxer pola explotación cobizosa das grandes petroleiras. A extracción do coltán no Congo ou o xade en Colombia. A desfeita ambiental na Amazonia brasileira e o asoballamento das súas comunidades indíxenas,  ou o abandono vergoñento do pobo saharauí. Tamén o dano, a enfermidade e a morte causadas polo uso do glifosato no agronegocio en Arxentina. E, moito máis preto de nós, o roubo do potencial industrial galego que está exercéndose en Alcoa.

Estas son algunhas das xanelas que abrimos nestes días nos Xardíns para convidar á reflexión. Unha mostra que ademáis poderá verse on line a través da web da nosa propia rede. “Porque, non o esquezamos, a usurpación dos recursos naturais e a explotación dos territorios, lonxe de mellorar as condicións de vida da poboación autóctona, abócaa á miseria máis absoluta e condena aos seus poboadores, as máis das veces, ao desprazamento forzado”, explicou.

Rematou a súa intervención facendo, no nome de toda a Rede, unha valoración positiva das institucións públicas que apoian a iniciativa, Concello da Coruña, Deputación provincial e Universidade,  por estar ao lado dos movementos sociais que, con non pouco esforzo,  levan adiante a defensa dos DD.HH.  “O voso apoio e acompañamento deixan ademáis en evidencia a aquelas outras institucións que nunca están, e que moitas veces confunden o público co privado”.

En só catro anos, e desde Galicia, a rede conseguiu replicarse xa en Brasil, Madrid e moi pronto, en Portugal. Seguiremos a traballar a prol da Paz e o Dereito a Refuxio. A mostra que se inaugurou hoxe é só un adianto do que será, se o COVID-19 o permite, o Encontro 2021 no que se afondará sobre o Espolio, podendo disfrutar das mostras fotográficas en extenso e dunha programación máis completa.

Comparte esta entrada