• O relatorio na que participará a Rede Internacional Acampa reflexionará sobre a migración como un dereito humano e a necesidade de articular políticas públicas e de protección social para as persoas refuxiadas, migrantes e apátridas.
  • “Migrar en tempos de novas xenofobias e vellos racismos” é o título deste Encontro mundial que se celebra, de forma virtual por mor da pandemia do COVID-19, na capital de Uruguai

Acampa pola paz e o dereito a Refuxio, rede nada na Coruña en 2016 e con ramificacións xa en Madrid, Brasil e Portugal, é unha das organizacións convidadas ao Foro Social Américas das Migracións ( FSAM), que se desenvolve a partir de mañá, día 22 de outubro (acto inaugural) e ata o domingo 25 (clausura), na capital de Uruguai, Montevideo. Baixo o lema Migrar en tempos de novas xenofobias e vellos racismos, representantes de organizacións sociais, da sociedade civil, de redes de persoas migrantes e refuxiadas ou do mundo académico e figuras internacionais analizarán os principais desafíos actuais ao redor dos fluxos migratorios. Debido á situación provocada pola pandemia do Covid-19, as sesións do Foro serán virtuais e poderán seguirse a través de Zoom e Facebook.

O relatorio na que participa a responsable de Acampa Brasil, Célia Regina Rossi, reflexionará sobre a migración como un dereito humano e a necesidade de articular políticas públicas e de protección social para as persoas refuxiadas, migrantes e apátridas. Será un dos aspectos dos movementos migratorios que se abordarán no Encontro, entre os que tamén figuran algúns de extrema actualidade como a crise sanitaria do coroavirus e as persoas desprazadas ou os estoupidos de racismo e a xenofobia en todo o mundo. Migración laboral e traballo decente; Crise climática e migración e Migración e xénero son tamén obxecto de reflexión, debate e propostas.

O FSAM forma parte do Foro Social Mundial das Migracións (FSMM), un movemento plural e diversificado, non gobernamental, que se define como espazo, “un proceso, non un evento”, para compartir experiencias, estudos, denuncias, accións políticas e propostas sobre as migracións ao longo do mundo. A súa finalidade é estender a todos os países e a toda a sociedade a preocupación polas migracións e a necesidade de construír un gran movemento mundial de defensa dos dereitos das persoas migrantes. O primeiro FSMM celebrouse en Brasil (2005) e nel acuñouse  a coñecida expresión “outro mundo é posible!”. Desde entón realizouse en diferentes países do mundo, entre eles España (2006/2008).

Espolio

Algúns dos temas que se tratarán no Foro de Montevideo tamén foron temática central nos encontros internacionais organizados por Acampa nos últimos anos na cidade da Coruña. En cada edición, Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio pon o foco nalgún aspecto concreto que está detrás dos desprazamentos forzosos das persoas. En 2017, a primeira edición, foi a crise dos refuxiados de guerra, achegándonos ao drama sirio; en 2018 centrouse nas migracións derivadas do cambio climático, e en 2019 apuntou ao drama específico das mulleres refuxiadas. Este ano 2020, o tema central das actividades da rede é o espolio económico como causa de moitos deses desprazamentos forzosos.

Por mor da pandemia do coroavirus, Acampa viuse obrigada a pospoñer o seu evento máis importante, o encontro internacional anual, previsto para o pasado mes de xuño no centro da cidade coruñesa. A pesar da situación actual e, en estreita colaboración con Acampa Brasil, celebráronse os meses de xullo e agosto senllos encontros en liña na que expertos en materia de espolio contaron a dura realidade que están a vivir as comunidades indíxenas daquel país, cercados ou expulsados dos seus territorios por empresas, multinacionais e gobernos que están a esquilmar a Amazonía e outras áreas de biodiversidade imprescindibles, atendendo aos intereses económicos das grandes madeireiras, explotacións gandeiras e industrias de extraccións mineiras.

A Rede Acampa é un movemento sen fins de lucro que naceu en Galicia co obxectivo de defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte máis de sesenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos e sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país. Unha gran maioría desas organizacións son ONG que traballan in situ coas persoas refuxiadas en todo o mundo, desde Open Arms, Save The Children ou Médicos Sen Fronteiras, ata Amnistía Internacional, Oxfam Intermon ou Greenpeace. Con vocación universal e en só catro anos, o movemento conseguiu replicarse en distintos puntos: Brasil, Madrid…e actualmente está en proceso de construcción en Lisboa.

Comparte esta entrada