- A Rede confía en celebrar a V edición ao longo do segundo semestre do próximo ano xa coa normalidade de todas as anteriores á Covid-19
- “O saqueo de recursos provoca que millóns de persoas estean obrigadas a saír dos seus fogares para sobrevivir. Por iso queremos incidir o ano que vén no tema que abordamos xa nesta cuarta edición reducida e totalmente condicionada pola pandemia do coronavirus, e seguir reclamando o dereito a refuxio por espolio”, explican os organizadores
Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio anuncia que o seu V Encontro Internacional 2021, na cidade da Coruña, volverá ter como tema central o espolio de recursos e a súa relación cos procesos migratorios e os desprazamentos forzosos. A pandemia obrigou aos promotores a adaptar o contido da cuarta edición, celebrada ao longo das últimas semanas, ás restricións sociais e sanitarias da Covid-19. “Non quixemos faltar á nosa cita anual, aínda que fose a modo de adianto do que será o próximo Encontro, que esperamos celebrar no segundo semestre do ano que vén, con todos os ingredientes das edicións anteriores a que o coronavirus puxese o mundo enteiro e as nosas vidas profesionáis e particulares do revés”, sinala o coordinador de Acampa, o fotodocumentalista Xosé Abad.
Coincidindo coa clausura da exposición Espolio, que ocupou durante un mes a fronte dos Xardíns de Méndez Núñez, no centro da Coruña, elemento central desta reducida edición 2020, Acampa expresou o seu agradecemento a todas as organizacións, colectivos e empresas que colaboraron na organización, especialmente ao Concello da Coruña, á Deputación provincial e á Universidade coruñesa, “sen cuxo empurre non tería sido posible sacala adiante”. Tamén á Fundación Emalcsa e a Desarrolla, sen deixar de estender o agradecemento a todas as cidadás e cidadáns que se achegaron a ver a mostra e asistiron ao encontro dixital celebrado o pasado día 26 de novembro sobre o espolio de recursos en América Latina en xeral e de Guatemala en particular, país no que a esquilmación de bens ten moita “marca España” e tamén “marca Galicia”.
Campo simulado con distintos espazos de Espolio
A Rede traballa xa na preparación do programa que incluirá como cada ano, se as circunstancias permíteno, un campo simulado no centro urbano coruñés para achegarnos a distintos espazos de espolio. Nel, trasladarémosnos a unha choza guaraní dunha reserva indíxena no Brasil, a un campo de traballadores dunha mina de cobalto en Congo e mesmo a boca dunha mina de litio en Bolivia. Acampa 2021 contará ademáis coa presenza de activistas, defensoras e defensores da terra e os Dereitos Humanos, expertos nacionais e internacionais no tema tratado e prestixiosos fotoxornalistas que documentan crises humanitarias en todo o mundo. Non faltarán tampouco as exposicións fotográficas de gran formato nin a proxección de audiovisuais, entre outras propostas.
“O espolio está detrás da pobreza, as guerras, as secas e do cambio climático. Pode ata dicirse que das pandemias como a que estamos a sufrir na actualidade. O saqueo de recursos provoca que millóns de persoas estean obrigadas a saír dos seus fogares para sobrevivir e por iso queremos seguir reclamando o recoñecemento da figura de Refuxiado por Espolio”, recalca Abad. “Profundaremos o ano que vén no tema que abordamos xa nesta cuarta edición reducida e totalmente condicionada polo Covid-19”. Entre todos e, a pesar da pandemia, sinala Xosé Abad, “conseguimos que a cidade da Coruña fose novamente epicentro de denuncia e debate da situación das persoas migrantes e refuxiadas. Tamén recordatorio da necesidade de cumprimento dos Dereitos Humanos. De todos e cada un, especialmente do dereito a refuxio, a unha acollida digna e a unha vida en paz”. O coordinador de Acampa fai unha apelación á necesaria mobilización da cidadanía para provocar o cambio necesario das políticas migratorias e de refuxio e facer prevalecer a Declaración Universal de Dereitos Humanos, cuxa aprobación cumpriu 72 anos fai poucos días.
Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio é unha rede transversal da que forman parte case 70 colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, oenegués e organizacións de defensa dos Dereitos Humanos, partidos políticos e agrupacións sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país. Creada no ano 2016, na cidade da Coruña, xa ten réplicas en Madrid, Brasil e Portugal. Xosé Abad fai tamén un chamamento á unidade de acción transnacional entre todos os movementos e organizacións que están a traballar no mesmo sentido coa finalidade de “cambiar o paradigma e forzar aos gobernos a que lexislen a favor das persoas”. “Hai que crear redes o máis globais posibles porque o que temos en fronte é unha maquinaria global con todo o poder económico, político e mediático”.