- Coa única variación das datas, que fará públicas cando a situación o permita, a Rede mantén as accións previstas e segue a traballar no programa “desde a coarentena das nosas casas”
- O equipo de coordinación fai un chamamento a todas as organizacións da Rede e as persoas convidadas para que consoliden a súa participación e faciliten a información solicitada. “Seguimos a traballar na defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio, nestes tempos con especial interese na denuncia do abandono de milleiros de persoas desprazadas forzosamente por parte dos gobernos e as institucións internacionais”
Ante a situación creada pola grave crise do COVID 19, que afecta prácticamente a todo o Planeta, a Rede Acampa pola paz o o dereito a refuxio ven de tomar a decisión de pospoñer a celebración da cuarta edición do seu Encontro Internacional na cidade da Coruña, previsto para o vindeiro mes de xuño. Unha vez superada a situación na que nos encontramos, a Rede anunciará as novas datas de celebración, que este ano terá como tema principal as consecuencias para os pobos do espolio dos seus recursos naturais por parte das grandes compañías doutros países. A organización mantén e segue a traballar no programa previsto, coa única variación das datas concretas e fai un chamamento para que as organizacións e as persoas convidadas consoliden a súa participación.
“Dende a coarentena das nosas casas seguimos a traballar na defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio, nestes tempos con especial interese na denuncia do abandono de milleiros de persoas desprazadas forzosamente por parte dos gobernos e as institucións internacionais”. Dende o equipo de coordinación solicitan a todas as organizacións da Rede (máis de setenta) que manteñan a su participación a espera só de coñecer as novas datas. O mesmo piden a todas as persoas e colectivos que xa tiñan confirmada a súa presenza no mes de xuño “facilitando a información solicitada polos equipos de programación e deseño”.
Convidadas de primeira liña
Na lista de persoas convidadas figuran a lideresa indíxena brasileira Joziléia Kaigang e a activista congoleña de Dereitos Humanos Julienne Lusenge. Joziléia é profesora universitaria experta en antropoloxía social e cultura indíxena. Os kaingang, etnia á que pertence, é un pobo agricultor que migraba entre aldeas en función das épocas de pesca, de caza, ou de recollida dos alimentos silvestres base da súa alimentación. Habitan desde o sur de Sao Paulo ata o Río Grande do Sul, lonxe das zonas de litoral, tradicionalmente ocupadas por indíxenas doutra etnia, os guaranís. O kaingang é o terceiro maior pobo indíxena de Brasil, integrado por arredor de 37.000 persoas segundo o censo do 2010, aínda que nese conteo non constan os que xa habitan en áreas urbanas polo que a cifra podería elevarse ata os 40.000.
Julienne Lusenge é directora do Fondo de Mulleres Congoleñas e cofundadora e presidenta de Solidariedade Feminina para a Paz e o Desenvolvemento Integrado. O seu traballo en defensa das mulleres vítimas de violencia sexual en tempos de guerra foi compensado co Premio Internacional de Dereitos da Muller 2018, outorgado por 25 organizacións de Dereitos Humanos no Cume de Xenebra para os Dereitos Humanos e a Democracia, e polo Premio Ginetta Sagán 2016 que outorga Amnistía Internacional. Así mesmo, recibiu o Premio de Dereitos Humanos da Embaixada de Francia e foi nomeada Caballero da Lexión de Honra polo Goberno francés.
Chamada de atención
O Encontro anual de Acampa pola paz e o dereito a refuxio que se celebrará por cuarto ano consecutivo no centro da Coruña é un espazo de denuncia da situación das persoas refuxiadas e migrantes e as causas que as empuxan a fuxir dos seus fogares e países. Unha chamada de atención hoxe máis necesaria que nunca diante do que está a pasar, nos campos de persoas refuxiadas de Europa e o resto do mundo. Haberá exposicións fotográficas en todas as salas municipais, presenza de activistas de recoñecido prestixio e todo tipo de actividades paralelas para visibilizar o tema da edición, o espolio de recursos. Como cada ano, todas estas actividades virarán arredor dun escenario simbólico, instalado nos céntricos Xardíns de Méndez Núñez, que reproducirá as condicións nas que viven aqueles que acaban tendo que fuxir en busca dun teito baixo o que vivir en paz.
A Rede Acampa é unha iniciativa sen fins de lucro que naceu en 2016 na Coruña co obxectivo de defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte máis de 70 colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos e sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país. Unha gran maioría desas organizacións son ONG que traballan in situ coas persoas refuxiadas en todo o mundo, desde Open Arms, Save de Children ou Médicos Sen Fronteiras ata Amnistía Internacional, Oxfam Intermon e Greenpeace. Con vocación universal e en só catro anos, o movemento conseguiu replicarse. Está a xestarse en Lisboa, e en poucos meses está previsto que se celebre a primeira edición de Acampa en Brasil.