• As sociedades estranxeiras, entre as que hai moita “marca España” e tamén “marca Galicia”, incumpren sistematicamente, “coa complicidade do Goberno Guatemalteco”, a obrigación legal do consetimiento das comunidades que habitan os territorios onde se instalan.
  • A apropiación de bens e de territorios por parte de empresas españolas, sinalou o avogado, “ten unha afectación grave en Guatemala e é unha condena á morte para moitas xeracións de persoas”. Para o profesor madrileño Martínez Osés, tamén participante no foro en liña, a economía actual está instalada nunha “lóxica de destrución” e as empresas o único que buscan é “obter o maior capital no menor tempo posible levándose todas as vidas que se poñan por diante e todo o marco de dereitos”.
  • O encontro virtual poderá verse íntegramente na páxina web da rede Acampa, redeacampa.org

A lexislación guatemalteca establece o preceptivo consentimento das comunidades indíxenas que habitan un territorio para desenvolver unha actividade económica nel. “As empresas sábeno, pero coa complicidade do Goberno, sáltanse esa obriga e instálanse sen ter en conta ás poboacións que hai ao redor”. “Xa veñen coa conciencia ilegal e de saqueo”. Esta práctica, que ten moita “marca España” e tamén “marca Galicia”, foi denunciada onte polo notario e avogado Juan Carlos Peláez Villalobos, no Encontro dixital Espolio, da IV edición de Acampa pola paz e o dereito a Refuxio. Segundo o letrado, que leva máis de trinta anos defendendo os dereitos das poboacións indíxenas en Guatemala, o 70 por cento das terras son propiedade das comunidades orixinarias. As poboacións indíxenas ostentan o título oficial de propiedade sobre elas.

Nos últimos oito anos, estas poboacións lograron recuperar ao redor de 350.000 hectáreas dos seus territorios. “É a primeira vez na historia de Guatemala e sen acudir a instancias internacionais, só coas leis do propio país”, recalcou Peláez Villalobos. Fixo tamén un repaso por algunhas das consecuencias para a poboación do seu país da actividade de empresas españolas que levan décadas explotando recursos naturais alí, especialmente grandes hidroeléctricas como Cobra, do grupo ACS de Florentino Pérez, promotora das plantas de Renace. “Secuestraron 20 quilómetros de leito, impedindo o acceso ao río ás comunidades da contorna que se viron obrigadas a sobrevivir só con auga de choiva”.

Ao longo do foro saíu tamén o nome da compañía de orixe galega Unión Fenosa, hoxe con outra denominación, que invadiu grandes extensións de territorios indíxenas en Guatemala para facerse co monopolio da electricidade no país, usando a coacción ás poboacións locais que sufriron en moitos casos penas de cárcere,  consecuencias dramáticas para a súa forma de vida e mesmo a perda de vidas de defensores da terra, segundo denuncian as propias comunidades afectadas. “O espolio de bens e de territorios por parte de empresas españolas, sinalou o avogado, “ten unha afectación grave en Guatemala e é unha condena á morte a moitas xeracións”. “Para nós a marca España significa pobreza”, sentenciou. “Cando tomades unha cunca de café, un banano ou adozades algo con azucre estades a saborear espolio. Significa sangue, fame e miseria do pobo guatemalteco”. Fixo mención, finalmente, ás devastadoras consecuencias do paso dos furacáns Eta e Iota polo país. “Significa un retroceso de 10 anos. A pobrezas medra máis do 50 por cento”.

Espolio sistemático 

No Encontro dixital participou tamén o profesor das Universidades Autónoma e Carlos III de Madrid, Pablo Martínez Osés, especialista en Cooperación e activista social, para quen o que está a suceder nestes momentos é “unha batalla entre a defensa dos dereitos humanos e os beneficios do capital”. Segundo as súas palabras, a economía mundial está instalada nunha “lóxica de destrución na que o territorio convértese nun espazo para o traslado de capitais e mercadorías”. Remarcou, por exemplo, que o investimento internacional en Centroamérica nos últimos 40 anos centrouse en xerar infraestruturas para protexer “a vulnerabilidade do capital e non a vulnerabilidade das persoas”.

Enlazando coa situación en Guatemala, Martínez Osés, foi moi gráfico: “botan fóra á xente dos territorios, apropiándose deles non para vivir ou gozar, queren obter o maior capital no menor tempo posible, e para iso arrasan con todas as vidas que se poñan por diante e con todo o marco de dereitos”. “E, ademais, conseguiron xerar aos longo das últimas décadas un dereito mercantil alternativo que lles permite xerar espolios sistematicamente”.

Para o profesor madrileño “apropiarse do botín que neste caso é o dereito á vida, á terra e a vivir nos seus territorios orixinais” ten un compoñente de expulsión que nos afecta a todos. “Nas nosas cidades tamén se espolia, limitando o dereito á vivenda de miles de persoas”. “Cremos que podemos voar a calquera parte de Europa por 24 euros ou alugar un apartamento no centro de calquera cidade do mundo. Esa economía que se adxectiva como colaborativa, tamén está a xerar espolio no centro das nosas cidades”.

Todos os participantes, tamén o condutor do Encontro, o escritor e músico coruñés, Xurxo Souto, coincidiron en destacar que hai unha mobilización social de contestación a ese marco capitalista, destacando especialmente movementos como os das defensoras e defensores de dereitos humanos e da terra. O coordinador de Acampa, Xosé Abad, fixo un chamamento precisamente á unidade de acción transnacional para “cambiar o paradigma e forzar aos gobernos a que lexislen a favor das persoas”. “Hai que crear redes o máis globais posibles porque o que temos en fronte é unha maquinaria global con todo o poder económico, político e mediático”.

Acampa pola Paz  e o Dereito a Refuxio, rede nada na Coruña en 2016, con ramificacións xa en Madrid, Brasil e xestándose en Portugal, é un movemento sen fins de lucro cuxo obxectivo é defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte xa sesenta e seis colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, oenegués e organizacións de defensa dos Dereitos Humanos, partidos políticos e agrupacións sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país.

 

Comparte esta entrada