Desde hoxe ata o vindeiro venres terán lugar estas xornadas co obxectivo de “achegar á cidadanía información de primeira man que os medios ocultan ou manipulan e reflexionar en común sobre o problema das migracións forzosas”.

Cunha programación variada o Casino de Carballo propón para estes días de Decembro unha serie de mesas de debate con organizacións que traballan sobre o terreo e que achegarán testemuños reais.

Polas mañás terán lugares diferentes talleres para o alumnado de secundaria mentres que polas tardes as actividades estarán abertas ao público para todo aquel que queira sumarse a esta iniciativa de sensibilización e concienciación social. Ademais das conferencias e mesas de debate, eixo central da iniciativa, haberá proxección de vídeos, concertos, un mercado solidario, mesas de recomendación de cinema e literatura e unha exposición do fotodocumentalista e activista da Rede Acampa, Xosé Abad.

Paralelamente celebrarase un concurso de microrelatos ( podedes consultar a programación completa e as bases do concurso aquí.)

Os nosos compañeiros súmanse ao movemento pola paz e os dereitos humanos cunha iniciativa que pretende achegar información veraz á cidadanía en forma de evento onde haberá cabida para o debate, a participación, o entretemento e a esperanza de construír entre todos un espazo para o pensamento e a cultura no que poden nacer as propostas e as solucións que farán do mañá un mundo máis xusto para todos.

Desde Acampa animámosvos a todos os que poidades a acudir ao Casino carballés para apoiar esta iniciativa que nace “coma unha iniciativa a nivel local pero con aspiracións de continuidade, para mostrar ao público unha realidade tan dura como complexa, desde diferentes perspectivas”.

Un novo membro da rede Acampa, Xa somos 60 organizacións.

O movemento Acampa pola paz e o dereito a refuxio naceu na Coruña en 2016 co único obxectivo de promover activamente a defensa dos Dereitos Humanos.

Presentación Acampa 2018

A sensibilización social fronte ao fenómeno da migración e tamén a situación de absoluta marxinalidade na que quedan sumidos os migrantes que conseguen chegar, foi o que levou aos activistas de Coruña contra a Guerra para buscar novos apoios e organizar un gran movemento.

E así xurdiu Acampa, unha iniciativa cidadá sen fins de lucro que, a día de hoxe, integran eses sesenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos e sindicais, xunto con institucións e empresas que exercen políticas de responsabilidade social. Unha sesentena de organizacións na nosa rede en pouco máis de dous anos de traxectoria é un balance moi satisfactorio e que nos dá o reflexo dos froitos que aos poucos dá a expansión deste movemento.

Aínda así isto non fixo máis que empezar grazas a todos e cada un dos apoios individuais e colectivos de todos vós.

¡Vémonos esta semana en Carballo e alí onde xurdan novos encontros!

 

 

Comparte esta entrada