- A cita é este xoves, 2 de xullo, simultánea para España, Portugal e Brasil, ás 19.30, 18.30, e 14.30 horas respectivamente
- A activista Fernanda Kaingáng, primeira avogada indíxena brasileira e recoñecida defensora dos dereitos dos pobos orixinarios do seu país, e José Gilberto de Souza, profesor da Universidade UNESP-Rio Claro/Sao Paulo, experto no movemento de “retomadas” indíxenas, protagonizarán a charla coloquio.
O espolio de recursos e as consecuencias que ten sobre as poboacións locais, ás que empurra a unha difícil subsistencia e ao desprazamento forzoso, é o tema central das actividades da Rede Acampa este ano 2020. Neste marco encádrase o encontro online simultáneo España, Portugal, Brasil, que terá lugar o vindeiro 2 de xullo, ás 19.30, 18.30 e 14.30 horas, respectivamente. Tratará as ameazas que enfrontan os pobos indíxenas do Brasil a causa da deforestación, a explotación de recursos a gran escala nos seus territorios ancestrais, especialmente polo agronegocio, e a desatención institucional, todo iso agravado coa chegada de Jair Bolsonaro ao poder. A esas ameazas engádese agora a pandemia do coronavirus, que pon en perigo a propia continuidade de moitos pobos orixinarios en toda a xeografía do país, desde a foresta Amazónica ata a rexión sur do Brasil. Protagonizarán a mesa coloquio virtual a lideresa indíxena, Fernanda Kaingáng, e o profesor da Universidade UNESP- Rio Claro/Sao Paulo, José Gilberto de Souza.
“Pobos indíxenas, resistencia máis alá da Amazonía” é o título do encontro, que moderará o xornalista e membro do equipo de dirección de Acampa Galicia, Rubén Sánchez. Aínda que o que máis preocupa en Europa é a destrución da Amazonía e os pobos que a habitan, están tamén desaparecendo a gran escala ecosistemas enteiros en toda a xeografía brasileira coa conseguinte expulsión das comunidades que viven neles como é o caso da sabana de Mato Grosso do Sul ou na Mata Atlántica do Río Grande do Sul.
A organización de esta actividade online é un traballo conxunto de Acampa Galicia, Acampa Madrid, Acampa Brasil (Piracicaba) e Acampa Portugal (Lisboa).Trátase da primeira actividade da rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio na “nova normalidade”, despois de que a pandemia obrigase aos responsables a aprazar o Encontro Internacional anual na cidade da Coruña, cuxas actividades xiran o redor dun campo simbólico de persoas refuxiadas (Xardins Méndez Núñez), que se ía a celebrar a mediados do pasado mes de xuño.
Enlace no YouTube
Encontro Acampa “Pobos Indíxenas,resistencia más alá da Amazonía”
Enlace no Facebook
Encontro Acampa “Pobos indíxenas, resistencia máis alá da Amazonía”
- Fernanda Kaigáng
Fernanda Kaigáng, que toma o segundo nome do pobo do sur do país ao que pertence, foi a primeira persoa indíxena do Brasil en obter o título de avogada e é unha das caras máis coñecidas dos movementos de loita polos dereitos dos pobos orixinarios brasileiros. Foi asesora da presidencia da Fundación Nacional do Indio (FUNAI) na etapa dos Gobernos de Lula, foi tamén membro fundador do Instituto Indíxena Brasileiro para a Propiedade Intelectual (IMBRAPI) e do Instituto Kaingáng (INKA). Desde todas esas responsabilidades o seu traballo centrouse e segue a centrarse na defensa dos dereitos dos pobos indíxenas no país e perante o mundo os diferentes organismos das Nacións Unidas. Tamén é titulada en Arqueoloxía pola Universidade holandesa de Leiden e realiza unha intensa labor de protección e divulgación dos saberes tradicionais indíxenas.
- José Gilberto de Souza
José Gilberto de Souza, Doutor en Xeografía, é profesor na Universidade Estatal UNESP- Rio Claro (Sao Paulo). Foi presidente da Asociación Nacional de Xeógrafos Brasileiros (AGB/Nacional) entre os anos 2016 e 2018 e é autor e co-autor dunha ampla bibliografía na que trata temáticas como a cuestión dos pobos indíxenas, o agronegocio, e a evolución dos monopolios agrarios en Brasil. É experto no movemento das “retomadas”, ocupacións por parte de familias indíxenas de determinadas zonas de terras baldías, case sempre á beira de grandes extensións agrícolas do agronegocio que no seu día pertenceron aos seus pobos e das que foron expulsados. Unha práctica moi perigosa xa que teñen que enfrontarse ao acoso sistemático dos gardas de seguridade dos grandes latifundistas que chegan ata utilizar armas de fogo contra eles.
Efecto devastador
Segundo cálculos da ONU, hai no planeta 370 millóns de persoas indíxenas, o 5% da poboación mundial. A marxinación, o racismo e o abandono que sofren na maior parte dos países onde habitan fainos aínda máis vulnerables aos estragos da COVID-19. A súa forma de vida dificulta o confinamento e a atención sanitaria o que conleva un maior risco de propagación e afectación. De momento descoñécese a incidencia do virus nestas comunidades porque ningún país ten especificados nin cuantificados os afectados e falecidos que pertecen a estes colectivos. Son moitas as organizacións que alertan dun efecto devastador da pandemia no seu modo de vida e na súa supervivencia, manexando a idea dun risco real da súa extinción. Brasil é un dos territorios do mundo máis afectados polo virus e o país sudamericano está aínda lonxe de ter controlada a pandemia. As propias comunidades e moitas organizacións internacionais veñen denunciando que o coronavirus pode supoñer a desaparición de moitos pobos indíxenas en todo Brasil e especialmente dos “non contactados”.