- Unha delegación da rede está no país suramericano na que se constituiu a primeira Acampa brasileira, na cidade de Piracicaba (Sao Paulo)
- As tres persoas que integran a delegación visitan comunidades indíxenas da zona de Dourados, en Mato Grosso do Sul, expulsadas das súas terras e que viven en reservas “sen un centímetro de selva ao redor”
- “O panorama de deforestación é desolador”, en palabras do coordinador de Acampa Coruña, o fotodocumentalista, Xosé Abad
A Coruña, 14 de novembro de 2019.- A delegación coruñesa da rede Acampa pola paz e o dereito a refuxio, que se atopa estes días en Brasil, puido comprobar de primeira man a devastación que sofre a selva amazónica nese país. “O panorama de deforestación para sementar cousas como a soia transxénica é desolador”, sinala o coordinador da rede, o fotodocumentalista, Xosé Abad. A delegación está a visitar, na súa última etapa de viaxe, diversas comunidades indíxenas na zona de Dourados, en Mato Grosso do Sul, na que viven confinadas en reservas “sen un centímetro de selva ao redor salvo pequenas illas nas que se poden asentar familias guaranís, kaiowá ou terena. Non queda nin unha árbore”, describe Abad. O espolio económico que obriga a millóns de persoas a migrar das súas terras e os seus países será, precisamente, o tema central da edición de Acampa A Coruña o próximo ano 2020.
Os membros de Acampa constataron tamén as constantes intimidacións que sofren estas poboacións por parte dos gardas privados, contratados polos latifundistas para protexer as xigantescas plantacións. Os sicarios chegan a dispararlles desde balas, moedas, cartuchos ou gas pementa, ata granadas, durante o que os indíxenas chaman “Retomadas”. “Consiste en saír da reserva e asentar en terreos que os latifundistas non traballan, coa esperanza de ir recuperando o seu territorio tradicional”, explica o coordinador de Acampa Coruña. “Non lles importan as constantes agresións e ameazas nin que os maten”. Non é infrecuente que os gardas derruben ou queimen vivendas das reservas e deixen aos seus moradores sen nada, mesmo destrúen os seus documentos.
Acampa Brasil
A delegación coruñesa está estes días no país suramericano no que se constituiu Acampa no Brasil. Durante a súa estadía, a iniciativa ten sumado apoios como o de Movemento Sen Teito do Centro (MSTC) de Sao Paulo. Tamén asistiron as xuntanzas para a aprobación dos estatutos da rede e á presentación de Acampa no Concello de Piracicaba, cidade situada a 150 quilómetros de Sao Paulo, na que se celebrará a primeira Acampa Brasil. O principal impulsor da réplica alí é Marcos Sorrentino, responsable do Laboratorio de Educación e Política Ambiental (método Oca) da Universidade de Sao Paulo, e a súa colega, Simone Portugal, que asistiron a primeira edición de Acampa A Coruña, para expoñer o labor que desenvolve o Movemento dos Traballadores Rurais Sen Terra en Brasil. “Puidemos comprobar a converxencia entre a súa filosofía e as nosas áreas de actuación, centradas na loita pola terra e a xustiza social”, sinala Sorrentino. “A educación ambiental é un camiño para protexer o futuro de millóns de persoas que, doutro xeito, abocamos a migrar”.
Acampa naceu en 2016 na Coruña. O seu obxectivo é defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. Desde a súa creación, promove anualmente na cidade un campamento simbólico de persoas refuxiada e ao seu ao redor toda unha serie de actividades como conferencias, encontros e exposicións fotográficas para achegar á cidadanía a situación das persoas desprazadas. En cada edición pon o foco nun aspecto (Desprazados pola Guerra, Cambio Climático, Refuxiadas, Espolio…). Integran a rede Acampa colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos e sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social. Unha gran maioría desas organizacións son ONG que traballan in situ coas persoas refuxiadas en todo o mundo.