• Particulares e grupos poden sumarse ás visitas guiadas á instalación ou ben percorrer libremente o que será o eixo central de “Fame e Refuxio”, o Encontro Internacional que Acampa inaugura o xoves 9 de xuño nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña
  • Desde o Movemento Acampa convidan aos centros educativos e a calquera outro colectivo que o desexe, ben da Coruña ou da súa contorna, a sumarse a este percorrido. Entre os xa confirmados, os alumnos do colexio de Dumbría
  •  
  • O Campo de Interpretación da Fame estará aberto durante o horario das actividades do Encontro, das 10 da mañá ás 22 horas, aínda que haberá visitas guiadas o xoves ás 12 horas, o venres ás 11.30 e mais ás 16.30 e o sábado ás 11.30 horas. Calquera colectivo interesado nunha visita guiada pode contactar coa organización en redeacampa@acampa.org

Coa fame fronte a fronte. Nas súas mil caras. Un ano máis, a rede Acampa converte os Xardíns de Méndez Núñez nun espazo para a reflexión colectiva. O campo de interpretación, agora ao redor da fame negra no mundo, será tamén este verán o eixo principal do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz, que do 9 ao 11 de xuño fará da Coruña nun porto refuxio dos dereitos humanos.

Trátase dun percorrido polas distintas causas da fame e polas súas dramáticas consecuencias. Os visitantes enfrontaranse ao espello, ás responsabilidades colectivas e tamén as particulares dunha realidade que ten a 811 millóns de persoas a piques da enfermidade e mesmo a morte. Asomaranse á fame negra que chega coas guerras ou ás guerras que a desatan. Verán os efectos do cambio climático, a deforestación e a explotación salvaxe dos recursos, ou o que supón o seu espolio. Enfrontaranse ás toneladas de comida botadas sen xeito; á obesidade, esoutra cara da fame; á necesidade que sofren os que non poden acceder a outros alimentos que non sexan comida-lixo… Ninguén sairá indiferente.

O campo foi deseñado en Brasil polo equipo multidisciplinar que coordinou André Luís Queiroz Blanco e está composto por  Liana  P. P. Oliveira, Luís Felipe Araujo Teixeira,  Rafaela dá Silva Bernardo, Esther  Victória  Bolgar Rodrigues,  Ester  Simões  Serafim Marques, Anderson  Guerrieri  Frozza,  Nathália  Teato  Paracampos e  Alcides  L. M. Barbosa, membros todos eles da rede Acampa Brasil. A execución do seu deseño nos Xardíns de Méndez Núñez vai estar coordinado polo arquitecto técnico Pedro Abad.

Súmate a unha visita guiada!

O campo de interpretación estará aberto no horario das distintas xornadas do Encontro Internacional, entre as 10 da mañá e as 22 horas. Con todo, haberá visitas guiadas: o xoves, ás 12 da mañá, o venres ás 11.30 e mais ás 16.30 horas, e o sábado ás 11.30 horas. Calquera colexio, instituto ou colectivo de calquera clase que queira gozar dunha visita guiada polo recinto poderá solicitalo en redeacampa@acampa.org. O día da inauguración serán trinta estudantes do colexio de Dumbría os que percorran o campo.

O movemento Acampa  pola Paz e o  Dereito a  Refuxio naceu na cidade da Coruña en 2016. Dende aquela xurdiron novas sedes en Madrid, Brasil e Portugal. Trátase dun movemento sen fin de lucro, cuxo obxectivo é defender os dereitos humanos, o dereito internacional humanitario e o dereito a refuxio. É unha rede transversal da que forman parte máis de setenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, oenegués e organizacións de defensa dos dereitos humanos. Tamén partidos políticos, organizacións sindicais,  institucións e empresas con responsabilidade social.

Desde 2017 a rede Acampa organiza cada ano un Encontro Internacional cun eixo central de actualidade sempre relacionado cos desprazamentos forzosos de persoas. Así, este 2022 o encontro xira tamén ao redor do campo de interpretación instalado nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, balizado por exposicións fotográficas de imaxes a gran formato de destacados fotoperiodistas. Desenvolverase durante tres días nos que, ademais, haberá conferencias e mesas redondas nas que participarán especialistas e activistas internacionais para analizar desde diversos puntos de vista as causas da fame negra e as súas consecuencias.  Proxeccións audiovisuais, presentacións de libros e actividades motivadoras, servirán asemade para reflexionar sobre a pandemia da fame.

Comparte esta entrada