• Na xornada de clausura, a Rede entregará os II Recoñecementos á Defensa dos Dereitos Humanos ás organizacións Ca-minando Fronteras (na categoría internacional) e Ecodesarrollo Gaia (na local-Galicia)
  • Completan as propostas do sábado a realización en directo do programa radiofónico Carne Cruda, que presenta o xornalista Javier Gallego; a presentación dos libros “Marcelo”, do xornalista e escritor Guillermo Fesser (Gomaespuma e El Intermedio) e “Miedo”, da tamén xornalista Patricia Simón. Haberá ademais dúas visitas guiadas, unha co fotoxornalista Ricard García Vilanova pola súa mostra fotográfica sobre Guerra e Fame, nos  Cantóns, e outra polo campo de interpretación da fame

“A poboación mundial acadou o 15 de marzo deste ano, segundo diversos informes, 7.993 millóns de persoas. A FAO asegura que producimos alimentos para 12.000 millóns. A conclusión é obvia: neste planeta hai riqueza e recursos suficientes para que ninguén morra de fame”. A afirmación é do coordinador da rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, Xosé Abad, no marco do VI Encontro internacional “Fame e Refuxio” promovido pola organización que se clausura mañá sábado, día 11, na Coruña. A última das charlas centrais desta Acampa 2022 estará protagonizada polo director de Amnistía Internacional España, Esteban Beltrán, e a activista senegalesa, Fatima Mbengue, cuxa participación no encontro é posible grazas a Médicos do Mundo. Ambos os dous afondarán nas solucións para rematar coa inseguridade alimentaria na mesa “Erradicar a fame é posible” (19.30 horas – carpa Central), moderada pola xornalista Teba Chacón (Radio Coruña-Cadena SER). A intervención de Mbengue terá que ser en liña despois de que o Goberno do Senegal lle negase o visado tras reterlle o pasaporte por participar nunha manifestación.

Esta última xornada será tamén momento para a entrega dos II Recoñecementos Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos (13.30 horas -carpa central), que nesta ocasión recaeron, o internacional, na ONG española Ca-minando Fronteras e o local (Galicia), na organización coruñesa Ecodesarrollo Gaia. Recollerán a escultura da artista Pilar Subías, que simboliza o recoñecemento, María González Rollán, a responsable do eixo Dereito á Vida, de Ca-minando Fronteras, e Guillermo Fernández Obanza, Mito, alma mater de Ecodesarrollo Gaia. No acto actuará a Agrupación Donaire.

Esteban Beltrán é o director da sección española de Amnistía Internacional desde 1990. Foi investigador das violacións de dereitos humanos en Guatemala, Costa Rica e Panamá, e é autor de varios libros e publicacións sobre esa temática; entre eles, ‘Guatemala: hasta cuándo la impunidad’ e “Panamá: el derecho para escapar de la muerte”.

Fatima Mbengue é unha activista comprometida polos Dereitos Humanos e a loita contra o imperialismo en África que participou en numerosos movementos sociais como Y’na marre (Estamos Fartos) ou Non aos Acordos de Comercio da Unión Europea. Foi membro do CADMT (Comité para a Abolición da débeda Ilexítima) e actualmente é unha das figuras máis destacadas de FRAPP (Fronte por unha Revolución Anti-imperialista Popular e Panafricana), unha das organizacións máis activas en África Occidental na loita polos Dereitos Humanos, a soberanía alimentaria e fronte ao saqueo dos recursos do continente africano.

Radio, libros, visitas e clausura

Completan as propostas da última xornada do Encontro Internacional a realización en directo do programa radiofónico Carne Cruda, que presenta o xornalista Javier Gallego, a partir das 18 horas na Carpa Central; a presentación dos libros “Marcelo” (12 horas), do xornalista e escritor Guillermo Fesser (Gomaespuma e El Intermedio), acompañado polo debuxante galego Miguelanxo Prado; e “Miedo”, da tamén xornalista, Patricia Simón (16.30 horas). Simón, que cubriu a guerra de Ucraína durante varias semanas, estará acompañada polo xornalista Javier Gallego Crudo e a escritora e profesora galega Susana Sánchez Aríns.

Haberá así mesmo dúas visitas guiadas, unha co fotoxornalista Ricard García Vilanova pola súa mostra Guerra e Fame, nos Cantóns (11.30 horas) e outra polo campo de interpretación da fame, esta guiada como cada día por Marga González, de Amnistía Internacional Galicia.

A obra “Marcelo” (Contraluz), o último libro de Fesser, está baseada na biografía do barman do mítico Oyster Bar da estación Grand Central de Nova York, unha personaxe real a través da que o escritor e xornalista radiografía o importante papel das persoas migrantes de América Latina na economía de Estados Unidos, país no que reside actualmente o creador de Gomaespuma. “Miedo” (Debate), a obra de Patricia Simón, reporteira especializada en Dereitos Humanos e enfoque feminista, cofundadora de Xornalismo Humano, é un ensaio sobre os temores que definen a nosa era e como os instrumentalizan a ultradereita e os populismos.

A Clausura do Encontro será conducida polo músico, escritor e presentador coruñés Xurxo Souto, quen tamén encargarase de dar a coñecer o tema que centrará as accións do Acampa do próximo ano. A temática do 2023 decidirana en reunión, á primeira hora da mañá, os representantes das máis de 80 organizacións que compoñen a rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio.

Recoñecementos Acampa

O II Recoñecemento Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos Internacional 2022 recibirao a ONG española Ca-minando Fronteras, unha organización que leva desde o ano 2002 traballando na asistencia e a defensa dos dereitos das persoas migrantes que tentan chegar a España a través da fronteira sur (rutas migratorias de Alborán, Alxeria, Estreito e Canarias). A ONG ofrece asistencia telefónica a quen arrisca a súa vida nese tránsito, a miúdo en embarcacións que nin sequera son aptas para navegar. Para iso dispón dun teléfono de alertas as 24 horas do día, os 365 días do ano. Tras recibir calquera chamada de socorro, ben das propias persoas en risco ou de familiares ou amigos, e contrastar a súa veracidade, Ca-minando Fronteras alerta ás autoridades marítimas de España, Marrocos ou Alxeria para propiciar o rescate. Este sistema de alertas conseguiu salvar a vida de máis de 100.000 persoas.

Ca-minando Fronteras achega tamén apoio legal, social e sanitario ás persoas desprazadas e colabora coas familias na identificación daquelas desaparecidas ou falecidas: as vítimas das fronteiras; un proceso que os Estados non levan a cabo cando se trata de migrantes. Outra faceta fundamental do traballo da organización humanitaria é documentar os abusos que se producen a ambos os dous lados das fronteiras. Os seus informes anuais son unha radiografía da necropolítica migratoria que cada ano provoca miles de mortes en países de todo o mundo, fundamentalmente de África, no seu intento de achegárense ao noso país.

A destinataria do Recoñecemento Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos no eido Local (Galicia) é a ONG coruñesa Ecodesarrollo Gaia e, en concreto, o seu impulsor, o activista coruñés Guillermo Fernández Obanza, Mito, con décadas ás súas costas de traballo na defensa de causas como a ecoloxía, a axuda humanitaria e a solidariedade entre pobos. Ecodesarrollo Gaia leva traballando desde o ano 1992. Un dos seus primeiros proxectos foi a formación de pescadores inmigrantes residentes en Galicia para traballar en barcos pesqueiros españois e europeos. A maioría eran de Senegal, país co que a ONG leva case dúas décadas tecendo proxectos de colaboración como a Escola Coruña, en Yoff- Tonghor, unha aldea de pescadores do norte de Dakar onde reciben formación os nenos e as nenas, as mulleres e a mocidade.   É a promotora tamén do programa sanitario “Coruña Cura”, que desde o ano 2007 leva persoal médico e medicamentos ao centro desa cidade senegalesa. É un programa de atención médico-sanitaria dirixido prioritariamente á infancia e as mulleres de Yoff que transforma a Escola Coruña durante uns días nun ambulatorio de campaña. Desde o ano 2018, grazas a un convenio coa Fundación Multiópticas e a ONG Solidaridade Galega, o programa inclúe tamén atención oftalmolóxica unha vez ao ano. Xa polo que respecta a Galicia, Ecodesarrollo Gaia ofrece, desde a súa sede na Coruña, asistencia á poboación senegalesa que chega á cidade, prestándolle acollida inicial, atención sanitaria, acompañamento e asesoramento nos trámites con Estranxeiría e axuda e formación para a procura de emprego.

Comparte esta entrada