- Os céntricos Xardíns de Méndez Núñez acollerán de novo todas as propostas e actividades da sexta edición deste espazo de reflexión sobre a situación das persoas refuxiadas e as migrantes
- Sentarán na mesa de intervencións Montse Escruela, a persoa referente en materia de nutrición de Médicos Sen Fronteiras, que falará da desnutrición que padecen poboacións enteiras de países de África ou Asia, e a profesora e coordinadora de Acampa Brasil, Celia Regina Rossi, que afondará na situación da fame en América Latina. O programa da xornada de apertura inclúe tamén outra charla con Diana Damián, da oenegué mexicana FOCA (Formación e Capacitación), que asiste e axuda a mulleres migrantes na zona de Chiapas e que forma parte da Rede Acampa. Falará sobre a fame como síntoma estrutural da mobilidade forzada das mulleres en Mesoamérica
“A Pandemia da fame” é o tema sobre o que tratará a primeira das charlas do VI Encontro Internacional Acampa pola Paz “Fame e Refuxio” que dará comezo mañá xoves, día 9, nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Un foro de reflexión e concienciación cidadá sobre a situación das persoas refuxiadas e as migrantes e mais as causas do seu desprazamento. A edición deste ano centra a atención na inseguridade alimentaria. Nesta primeira mesa (ás 19.30 horas – carpa central) sentarán Montse Escruela, de Médicos Sen Fronteiras, que falará de desnutrición, e a profesora brasileira Celia Regina Rossi, que abordará a situación da fame en América Latina. “Aproximadamente 811 millóns de persoas en todo o mundo sufriron fame no ano 2020. Desas, 2.317 millóns non tiveron acceso a unha comida decente en todo o ano”, lembra o coordinador da Rede Acampa, Xosé Abad.
Montse Escruela traballou en programas de alimentación para a ONU, a Organización Panamericana da Saúde e UNICEF. Desde 2017 é a persoa referente en nutrición de Médicos Sen Fronteiras, organización coa que estivo en países como Níxer, República Democrática do Congo, India, Iemen, Sudán do Sur, Etiopía ou Iraq. Celia Regina Rossi é profesora asociada–doutora do Departamento de Educación, na área de Psicoloxía, da Universidade de Río Claro, en Sao Paulo, así como do programa de posgrao en Educación Escolar e Educación Sexual da Facultade de Ciencias e Letras de Araraquara. A moderación da charla correrá a cargo da xornalista Marta Otero (La Opinión de A Coruña).
O programa da xornada de apertura inclúe tamén unha charla no Quiosco Alfonso (17 horas) con Diana Damián, da ONG mexicana FOCA (Formación e Capacitación), que asiste e axuda a mulleres migrantes na zona de Chiapas e que forma parte da Rede Acampa. Damián, coordinadora da Rede Mesoamericana, Saúde e Migración, falará da “fame como síntoma estrutural da mobilidade forzada das mulleres e as súas familias en Mesoamérica”.
Radio Acampa, visitas guiadas ás mostras fotográficas e ao campo de interpretación
As actividades do Encontro Internacional comezarán ás 10.30 da mañá cun programa de radio en directo conducido polo xornalista Ricardo Sandoval e mais pola actriz Isabel Risco. Ademais de proxeccións e entrevistas a representantes da Rede Acampa e invitados institucionais e activistas, contará coa actuación do grupo musical Ímola Virando. Tamén terá lugar a apertura da mostra fotográfica na que se exhibirán máis de 100 instantáneas sobre a temática da edición, a fame, asinadas polos fotoperiodistas Lys Arango, Ricard García Vilanova, Silvia Landi, Pablo Tosco, Juan Carlos Tomasi, Javier Teniente , Rodrigo Zaim, e Fred Ramos e Víctor Peña. Dous deles, Juan Carlos Tomasi e Lys Arango, realizarán visitas guiadas ás súas mostras. Tomasi farao ás 13 horas, e Arango, ás 17 horas. Ambos os dous participarán tamén, como o resto de fotoxornalistas que se desprazarán á Coruña, en “Unha foto, unha historia” (18 horas – carpa central), achega na que cada un destes profesionais narrará a intrahistoria que hai ao redor dunha das súas fotografías en concreto.
Ao mediodía abrirá ao público outro dos elementos centrais do Encontro Internacional, o campo simulado de persoas refuxiadas, que nesta edición será de interpretación da fame. Ás 12 horas terá lugar a primeira visita guiada polo campo, que dirixirá Marga González, de Amnistía Internacional Galicia. Son xa varios os colexios e institutos que reservaron unha visita guiada polo recinto.
Completan a oferta deste primeiro día outras dúas charlas. Ás 12, nos Xardíns de Méndez Núñez, haberá unha actividade de concienciación ao redor do “Refuxio e Vivenda” , da man da Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), da Universidade da Coruña. Nela abordaranse diferentes conflitos esquecidos e a vulneración de dereitos, como o de acceso a vivenda, que sofren as persoas que foxen dos seus Estados para solicitar refuxio noutros. Xa ás 13 horas, no Quiosco Alfonso, o tema será a Rede Acolle e o Sistema Estatal de acollida e integración de beneficiarios de Protección Internacional, baixo a organización de Ecos do Sur.
Por outra banda, a organización Sen Valos ofrecerá na súa caseta asesoramento xurídico, consultas con mediadores e información sobre axudas e trámites. Solidaridade Galega volverá a despregar o seu “mapamundi” cos lugares do planeta onde a vida das persoas é moi diferente á que gozamos aquí, vítimas do espolio, e Simbiose realizará entrevistas en directo a representantes e organizacións da Rede Acampa.