• Os beneficios económicos que a extracción masiva de materias primas xera para as grandes corporacións transnacionais contrastan coa situación social e económica dos seus verdadeiros propietarios, os habitantes dos países saqueados. Persoas que constitúen maioritariamente o groso das grandes migracións e ondas de refuxiados.

A explotación salvaxe dos recursos naturais en África, América do Sur ou Asia, por parte das grandes potencias e do resto dos países máis ricos, ten nefastas consecuencias sobre as poboacións locais. En demasiadas ocasións, e por eses intereses económicos, estas son vítimas de conflitos armados, explotación laboral cando non escravitude, pobreza extrema, violencia desmedida e devastación do seu medio ambiente.

Os obscenos beneficios económicos que a extracción masiva de materias primas xera para as arcas das grandes corporacións transnacionais contrastan coa situación social e económica dos seus verdadeiros propietarios, os habitantes dos países saqueados. Millóns e millóns de seres humanos, nenos e nenas, mulleres e homes de todas as idades, aos que a cobiza do capitalismo salvaxe imperante rouba o presente e o futuro. Eles constitúen maioritariamente o groso das grandes migracións e ondas de refuxiados no planeta.

Tampouco os beneficiarios dos bens que producen esas empresas estamos libres das consecuencias. Está máis que constatada a incidencia da actividade económica capitalista na emerxencia climática que vivimos e que nos pode converter a todos, máis axiña que tarde, en persoas desprazadas en busca de refuxio e subsistencia.

Sobre o espolio económico de recursos poñerá o foco Acampa A Coruña 2020. Na primeira edición (2017) o tema central foi a crise de persoas refuxiadas pola guerra de Siria; na segunda (2018), os desprazamentos de persoas orixinados pola crise climática e, o ano pasado, a problemática específica das mulleres refuxiadas e migrantes. Este ano será a relación directa entre a rapina económica e a violencia, as guerras, a persecución e a pobreza que empurran a millóns de seres humanos a desprazarse das súas terras e os seus países.

O testemuño de Caddy Adzuba

En Acampa 2019 escoitamos xa o testemuño da activista congolesa Caddy Adzuba (Premio Príncipe de Asturias da Concordia 2014), unha das convidadas da edición para dar voz ás mulleres migrantes e refuxiadas, dobremente vítimas por desprazadas e polo xénero. Adzuba fíxonos estarrecer coa narración de como repercute a extracción de cobalto, cadmio e outros materiais que se usan para fabricar teléfonos móbiles, computadores, baterías… na vida dos seus compatriotas e no presente e futuro do seu país, sumido desde hai décadas nunha guerra irredenta. A violencia é o pan noso de cada día no Congo e afecta especialmente a mulleres e nenas, utilizadas como arma de guerra e sometidas a torturas que non coñecen límites. Son prácticas habituais, narrou a activista, barbaridades case imposibles de verbalizar como a introdución de granadas, coitelos ou botellas de plástico ardendo nas súas vaxinas ou cortar e baleirar en vivo os ventres das embarazadas.

Selección de exposicións fotográficas

A mediados do próximo mes de xuño, Acampa volverá a instalar, nos Xardíns de Méndez Núñez, un campo simbólico de persoas refuxiadas, elemento central ao redor do cal articúlanse todas as actividades- conferencias, encontros, exposicións, proxeccións cinematográficas e actividades lúdicas- para facer visible a temática central da edición, o ESPOLIO. Agora mesmo está en curso o proceso de selección das mostras fotográficas, un dos ingredientes básicos do evento cultural e social que converte á cidade nun referente na defensa dos Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxio. En cada unha das edicións, mostras con potentísimas imaxes de reputados profesionais do fotoxornalismo a fotografía humanitaria, tanto españois como internacionais, documentan o tema central. As fotógrafas e fotógrafos interesados en participar na edición de 2020 poden presentar propostas ata o próximo 7 de febreiro. As bases están expostas no seguinte link:

https://coruna.redeacampa.org/wp-content/uploads/exposiciones_acampa_2020.pdf

Comparte esta entrada