O VII Encontro Internacional “Odio ou Convivencia” non podía pasar por alto a morte de 37 seres humanos e a desaparición doutros 77 ás portas e no propio chan do noso país, nun dos episodios máis vergoñosos da Europa fortaleza
Toda a información sobre Odio ou Convivencia, do 16 ao 18 de xuño na Coruña, na ligazón https://coruna.redeacampa.org/gl/
A Coruña, 5 de xuño de 2023.– Non é o mesmo velo a través dunha pantalla. Seguindo a mesma filosofía coa que cada ano o Movemento Acampa pola Paz constrúe un campo de persoas refuxiadas simulado, un escenario polo que camiñar e no que sentir, no que entender… o VII Encontro Internacional Acampa pola Paz “Odio ou Convivencia” tiña que pararse fronte ao valo de Melilla para reflexionar colectivamente sobre un dos episodios máis vergoñosos da Europa fortaleza: O masacre do valo de Melilla, acontecido o 24 de xuño do pasado ano, xa pasou á historia como a maior traxedia humana rexistrada nesa fronteira ata a data, saldándose con 37 seres humanos mortos, 77 desaparecidos e 430 devoltos en quente, cos seus dereitos conculcados. E todo iso na porta sur de Europa.
En “Odio ou Convivencia”, ademais de acceder ao espazo onde se celebrará o VII Encontro Internacional, nos Xardíns de Méndez Núñez, a través dun tramo simulado do citado valo, os asistentes poderán achegarse ao ocorrido naquela data a través da mirada do fotoperiodista Javier Bernardo, que documentou in situ, desde o lado español do valo, o que pasou no intento de salto de ao redor de 2000 persoas polo paso fronteirizo melillense de Barrio Chino. Centos de seres humanos atrapados entre os corpos de seguridade de ambos os países, sen espazo, baixo os golpes e os gases utilizados por ambas as forzas e a propia estrutura do valo. Alí permaneceron horas, amontoados, feridos, sedentos, baixo o sol… Bernardo, testemuña de excepción, fará unha visita guiada pola súa exposición e participará no encontro de fotoperiodistas “Unha foto, unha historia”. Que mellor que escoitarlle.
“Os Dereitos Humanos foron pisados na fronteira sur, onde o noso país, a nosa democracia e Europa toda decidiron externalizar as súas obrigacións e entregarllas ao reino de Marrocos mentres miran para outro lado”, denuncian desde Rede Acampa. Un suceso que se produce “despois do Acordo de boa veciñanza que o Goberno española asinou co Goberno marroquí tras a entrega do Sahara ao rei Mohamed VI”. A pesar das denuncias das organizacións que traballan na zona, dos organismos internacionais, e do informe do propio Defensor do Pobo español, un ano despois –lembra Rede Acampa- non se dirimiu ningunha responsabilidade.